Fran Alonso e Yolanda Castaño representan á poesía escrita en galego dentro de dous volumes editados en Alemaña ao abeiro do "Taller de tradución literaria" da Universidade de Kiel e traducidos do galego por Franck Meyer. As publicacións están dirixidas ao mercado alemán e reúnen poetas de toda a xeografía lingüística española. O tomo "Dieser klingende Schatten, die Musik" ("Esa sombra sonora que é a música", 120 pp.), editado pola editorial Ludwig de Kiel, reúne poetas tan distintos como José Ángel Valente, Luis Alberto de Cuenca, José Lezama Lima ou Julia Castillo, xunto a eles está Yolanda Castaño, co poema inédito "(Re)ser(vado)". O poemas de Fran Alonso sobre Vigo aparecen no libro "Das Gedicht und die Stadt. Gegenwartslyrik aus Spanien " ("O poema e a cidade. Poesía contemporánea de España 1980-2005", 268 pp.), editado pola editorial Sial, que enfoca o tema urbano na poesía das diferentes linguas do Estado. Nel aparecen tamén autores como Kirmen Uribe, Julia Barella, Luisa Castro, César Antonio Molina ou David Castillo.