Dous volumes alemáns sobre poesía española recollen obras de Yolanda Castaño e Fran Alonso traducidos por Franck Meyer

Poñer unha pica en Kiel

5/7/2005 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
32 lecturas | Compartido 0 veces

Fran Alonso e Yolanda Castaño representan á poesía escrita en galego dentro de dous volumes editados en Alemaña ao abeiro do "Taller de tradución literaria" da Universidade de Kiel e traducidos do galego por Franck Meyer. As publicacións están dirixidas ao mercado alemán e reúnen poetas de toda a xeografía lingüística española. O tomo "Dieser klingende Schatten, die Musik" ("Esa sombra sonora que é a música", 120 pp.), editado pola editorial Ludwig de Kiel, reúne poetas tan distintos como José Ángel Valente, Luis Alberto de Cuenca, José Lezama Lima ou Julia Castillo, xunto a eles está Yolanda Castaño, co poema inédito "(Re)ser(vado)". O poemas de Fran Alonso sobre Vigo aparecen no libro "Das Gedicht und die Stadt. Gegenwartslyrik aus Spanien " ("O poema e a cidade. Poesía contemporánea de España 1980-2005", 268 pp.), editado pola editorial Sial, que enfoca o tema urbano na poesía das diferentes linguas do Estado. Nel aparecen tamén autores como Kirmen Uribe, Julia Barella, Luisa Castro, César Antonio Molina ou David Castillo.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Poesía, Yolanda Castaño, Fran Alonso, Kirmen Uribe...