Novas visións sobre Ferrín, Pardo Bazán e Fernández Flórez desde A Coruña

Descubrindo os literatos

Os tres congresos simultáneos que se están a celebrar na Coruña arredor de literatos tan destacados coma Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez e Xosé Luis Méndez Ferrín están a achegar ó grande público aspectos pouco coñecidos destes creadores. Así, desveláronse novos datos sobre a posición de Pardo Bazán sobre o galego, ou a conexión con nacionalismo de Wenceslao Fernández Flórez.






Unha condesa diferente



As intervencións dos últimos días no congreso que a Universidade da Coruña está a dedicar a Emilia Pardo Bazán están a desvelar aspectos pouco coñecidos da escritora ó tempo que se realizaba unha reivindicación da súa figura.
Así, na primeira das xornadas, a profesora Ana María Freire analizou a relación da escritora co idioma galego. Segundo esta investigadora, nunha carta da condesa ó escritor catalán Narcis Oller, a galega sinala que non se atreve a escribir en galego porque desde nena foi educada en castelán e non quería facelo mal "nunha lingua á que amo".
Falando tamén sobre a relación da escritora coa lingua, Marina Mayoral lamento o esquecemento en que se atopa a figura da condesa, achacándo a falta de recoñecemento ó feito de non ter realizado obras en galego. Mayoral tamén incidiu non papel pioneiro de Pardo Bazán na defensa da muller, tema ó que dedicou o ensaio "La educación del hombre y la mujer". Nesta obra analiza a discriminación do seu xénero e apunta posibles remedios, ademais de criticar a concepción social da natureza da muller.
Pola súa banda Xosé Ramón Barreiro, que iniciou as xornadas, contextualizou a figura de Pardo Bazán no seu intre histórico e destacou a importancia da súa orixe no seu xeito de escribir e na súa ideoloxía.
Xosé Ramón Barreiro, secretario da Real Academia Galega, anunciou que para decembro se inaugurará o restaurado museo dedicdo a Pardo Bazán. O museo organizarase con varios eixes temáticos relacionados coa escritora, coma o xornalismo, a condición da muller ou Marineda, a versión literaria que a escritora fixo na Coruña.













Fernández Flórez descoñecido



No congreso sobre Wenceslao Fernández Flórez revelou onte que o escritor galego, a pesar de desenvolver a maior parte da súa obra en catelán, ideolóxicamente estaba vencellado ó movemento nacionalista galego de antes da guerra.
O historiador Carlos Pereira realizou na xornada de onte unha análise na que sinalou que o vencello de Fernández Flórez co movemento nacionalista comezou en 1909 na inaguruación do monumento ós mártires de Carral, cando o escritor contaba con 24 anos. Desde entón, segundo o historiador, Fernández Flórez non deixou a loita polo idioma e pola identidade galega.
Para Carlos Pereira, as ideas nacionalistas de Fernández Flórez fanse evidentes no artigo "La esclavitud en Irlanda", no que o escritor defende a idependencia da illa con respecto ó Reino Unido e animaba os galegos as seguir os pasos dos irlandeses.
Pola súa banda, Silvia Gaspar, profesora de literatura galega, fixo un percorrido pola obra do escritor e destacou a importancia do libro "Volvoreta", premiado polo Círculo de Belas Artes de Madrid, e na que o escritor realiza unha aproximación ó sexo moi avanzada para a época.





Reflexionando a Ferrín

Nas xornadas de reflexión sobre Méndez Ferrín que organizou a Real Academia Galega, o catedrático en literatura galega Ramón Lorenzo analizou o labor de Ferrín como investigador literario, destacando a concepción da literatura galega medieval como diferente da portuguesa.
Seguindo coa pegada da literatura medieval na crítica e na obra de Ferrín, Lorenzo sinalou a permanencia na poética de Ferrín de símbolos propios da lírica medieval, como son o cervo, o encontro na fonte ou a auga como símbolo.
Pola súa bnada, Manuel Forcadela, na súa análise sobre a poética de Ferrín, destacou a capacidade de Ferrín á hora de tratar un tema fundamental da poética de occidente como pode ser a relación poeta-estado.
Segundo Forcadela, ferrín sinala a aparente contradicción destes dous elementos e "representa a vontade de reingreso do poeta no estado a través da desmitificación deste último".
Forcadela tamén incidiu na importancia do libro "Con pólvora e magnolias" que supuxo unha renovación do panorama poético e potenciou a desaparición do antagonismo existente entre Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro.