Xesús Lorenzo Varela homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2005

Lorenzo Varela, con tódolos exilios

Unha vida no exilio e un retorno silencioso. A figura de Xesús Manuel Lorenzo Varela pasou case desapercibida para a cultura galega até o pasado 19 de xuño. Ese día, a Real Academia Galega decidiu, por maioría aínda que non por unanimidade, dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2005. Intelectual galeguista, poeta e sempre vinculado ao xornalismo, Varela pertence a esa xeración de intelectuais do 36 cunha dilatada traxectoria persoal e profesional marcada pola Guerra Civil e polos sucesivos exilios a unha e outra beira do Atlántico. Botémoslle unha ollada á súa traxectoria.

Fillo de emigrantes de Monterroso (Lugo), Lorenzo Varela naceu en agosto de 1916 a bordo do barco “La Navarre” cando entraba na baía de La Habana. Aínda que o nome que se popularizou foi o de Xesús Lorenzo Varela, existen varias versións do seu nome: Xesús Manuel Lorenzo Varela, Xesús Varela Vázquez ou Xesús Lorenzo Varela Vázquez. O seu nacemento camiño á emigración xa anticipaba o que sería unha vida de continuas mudanzas. De Cuba a Arxentina e de Arxentina a Galicia en 1920. De volta a casa, con acento porteño e co alcume de “o arxentino”, en Lugo comezaría a súa formación galeguista e republicana baixo o liderazgo de Castelo, Paz Andrade e Suárez Picallo e tendo como compañeiros de militancia a Fernández del Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro, Carvallo Calero e Ramón de Valenzuela, entre outros. Foi neste momento cando fundaron a Federación das Mocedades Galeguistas.

En 1935 trasládese a Madrid e alí afianzará o seu compromiso social e cultural. Comeza participando nas Misións Pedagóxicas e na redacción da revista “PAN (Poetas, Andantes e Navegantes)”. As tertulias de café cos intelectuais exiliados, a clases de Filosofía e Letras, as críticas literarias no xornal “Sol” e a militancia na “Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura” marcan unha etapa chea de actividade intelectual e política. E cando a Guerra Civil estoupa, Lorenzo Varela implícase de cheo afiliándose ao Partido Comunista e escribindo e dirixindo distintos xornais, así como múltiples revistas de corte republicano e comprometidas entre as que destaca “El Mono Azul” e “Hora de España”.


Regreso a Bos Aires
Coa perda da contenda, o escritor galego vivirá de novo o exilio, primeiro no campo de concentración de Saint Cyprien, en Francia, de onde saen el mais outros intelectuais republicanos grazas á intercesión de varios artistas franceses; e logo en México, onde consegue retomar o seu traballo literario como codirector das revistas “Romance” e “Taller” (Publicación que capitaneou xunto ao escritor Octavio Paz). Pero de novo, a cidade de Bos Aires acaba sendo o seu refuxio e en 1941 reencóntrase alí con seu pai e cos seus vellos amigos Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Carmen Muñoz e Rafael Dieste, ao que logo se lle sumarán intelectuais como Rafael Alberti, Blanco Amor, Colemeiro e outros exiliados. Será nesta cidade onde a súa produción literaria e xornalística colla pulo. Colabora nos máis importantes xornais arxentino do momento, como “Clarín”, “El Mundo”, “La Nación”, e revistas como “El Hogar”, “Del Arte”, “Sur”, “Primera Plana” ou “Cabalgata”. Un amplo abano de cabeceiras que se completa coa súa participación no programa radiofónico “Hora Once” xunto ao fotógrafo Horacio Cóppola.

Na capital arxentina tamén comeza a súa traxectoria poética, adscrito á xeración do 36 e mesturando a preocupación estética co compromiso social. En 1943 realiza unha antoloxía cos poemas que el mesmo traduciu dos ensaios de Baudelaire sobre a arte, engadindo o prólogo “Actualidade da Obra Crítica de Baudelaire”. Un ano máis tarde publica “Catro poemas pra catro grabados”, na que transforma en versos o álbum de Luís Seoane “María Pita e tres retratos medievais”. Seguiranlle anos despois as publicacións “Lonxe” e “Homaxes” (libro que incluirá sete poemas que Lorenzo Varela editou en “Correo Literario”, unha publicación que puxo en macha con Arturo Cadrado e Luis Seoane e que desapareceu durante a primeira presidencia de Perón). Da súa produción en castelán cómpre destacar “Torres de amor” e numerosos poemas editados en distintas publicacións.

Nesta etapa tan prolífica na prensa, Lorenzo Varela aproveitou para facer gala dos seus coñecementos artísticos facendo de critico no xornal “La Razón”. Ademais da poesía, a arte foi a outra das súas grandes paixóns. De feito, as súas poesías estiveron acompañadas da obra de creadores da talla de Ramón Pontones, Luis Falcina, Dalí, Noemí Gerstein ou Picaso, ademais de ter dedicado poemas a artistas como Luis Seoane ou de terse inspirado nas súas obras para escribir.

Pero os avatares político aínda lle tiñan reservado a Lorenzo Varela un último exilio. A represión política en Arxentina tralo golpe de estado de Videla en 1976 obriga ao poeta galego e acelerar o seu retorno a España. A súa terra de orixe acólleo con indiferenza en plena transición democrática, de feito a obra de Lorenzo Varela non se deu a coñecer no noso país ata bastante tempo despois. Pero iso non lle impediu seguir traballando desde aquí. Á súa chegada, e logo do seu coñecemento da prensa, Lorenzo Varela pensou que era necesaria a creación duns medios que mellorasen a información e a comunicación do país. Foi un dos máximos impulsores da recuperación fallida do xornal “Galicia” por parte do IGADI.

Como sinala Lois Pérez Leira na Enciclopedia da Emigración Galega, “as novas xeracións non tiñan ningunha referencia súa, era un auténtico descoñecido na súa propia terra”. Nesa soidade, contando tan só coa axuda de antigos amigos e compañeiros como Díaz Pardo, Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde, Lorenzo Varela continuará traballando nas súas traducións e colaboracións xornalísticas até a súa morte na madrugada do 25 de novembro de 1978. Un ano despois, os seus amigos quixeron rescatar a súa memoria cunha homenaxe á que Luis Seoane non puido asistir por falecer un día antes de que se producira. Ese mesmo ano, Edicións do Castro editou “Homaxes”, o volume que recompilaba a maior parte da súa poesía e que fixo a súa obra máis accesible ao público. Un traballo poético que destacou os valores da xustiza, a liberdade, a terra como sustento e da que se serviu para denunciar sen rodeos a represión política e as causas da emigración galega. Os críticos e estudosos da obra de Lorenzo Varela situaron ao escritor na mesma onda de ton lírico comprometido de Miguel Hernández ou de Rafael Alberti. De todos os xeitos, ademais da poesía social, na súa obra tamén hai cabida para a temática amorosa, nos que fixo gala do seu amplo coñecemento das cantigas medievais.

Vinteseis anos despois, a cultura galega recupera a súa figura para darlle o recoñecemento que entón non recibiu.