A grande cantidade de premios literarios en Galicia convérteos en elementos decisivos na configuración das nosas letras

As letras dos premios

Serven para que creadores descoñecidos se dean a coñecer. Para significar o compromiso de empresas e institucións coa cultura. Para gañar uns cartiños. Para definir o que é bo e o que non o é. Para vender máis. Son un dos fenómenos máis habituais da nosa cultura, están por todas as partes aínda que non está moi claro por que. Son os premios literarios.

Concellos, grandes bancos, asociacións. Unha das iniciativas culturais máis recorrentes no país é a convocatoria de premios literarios. Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago, sinala que "en comparación co número de habitantes e mesmo coa produción editorial galega hai moitos premios, e mesmo de mais" tendo en conta as cifras doutras literaturas. No mesmo sentido apunta Manuel Bragado, director de Edicións Xerais. "Neste momento existen excesivos premios e perden o valor que tiñan con anterioridade e seren elementos de promoción da creación". Non se pode dubidar que existe un bo número destes galardóns, e que a importancia que historicamente se lle veu dando ás letras na nosa cultura ten boa parte da responsabilidade desta situación. Tampouco podemos esquecer que, dentro das artes, a literatura é a que menos recursos precisa para se desenvolver e é máis accesíbel aos creadores do que, por exemplo a pintura ou o cinema, que necesitan máis recursos técnicos.

Publicidade para todos
Alén da importancia que pode ter para os autores á hora de darse a coñecer a concesión dalgún destes galardóns, hai que ter en conta a promoción que obteñen coa súa convocatoria as entidades convocantes. Para Vilavedra, este é un factor fundamental á hora de explicar a grande cantidade de certames. "É un xeito doado de que as institucións, nomeadamente concellos, poidan facer un investimento en cultura que ten unha rendibilidade pública importante. Porque convocar un premio se o fas un pouco ben supón aparecer varias veces nos medios. Ademais supón investir nunha certa lexitimidade galeguista e demostrar que hai interese en promover a cultura do país". Deste tipo de premios sabe ben Roque Cameselle, autor que, segundo el mesmo sinala, gañou "creo que todos os que se convocan en Galicia no campo da narativa curta". Cameselle recoñece que os premios "abrironme moitos camiños. e gañei confianza en mi mesmo. Son un estímulo moi grande, os que escribimos precisamos recoñecemento e lectores".

Premios que se venden
Desde a industria, os premios literarios incentivan a creación en subxéneros que se consideran nichos atractivos de mercado e descubrir novos valores literarios. "No mundo da edición en Galicia existe a tendencia de ir cubrindo xéneros", apunta o director de Xerais, "e o premio ás veces está nesa cuestión. É certo que a literatura infantil e xuvenil medrou moito desde a creación do Merlín, e o premio axudou nunha primeira fase pero despois son as coleccións as que asentan o mercado". Tamén existe o interese no incremento nas vendas que experimenta unha obra premiada. Bragado recoñece que "Tanto o premo Xerais coma o Merlín teñen un número de ventas bastante superior ao que é habitual noutros títulos da mesma colección. Dalgún xeito o mercado recoñéceos con interese". Pola contra, neste sentido, Xosé Carlos Caneiro, un dos autores máis premiados do noso país, non pensa que a importancia dos premios literarios galegos "incida no número de vendas ou a recepción pública dos autores." E insiste en que "Ás veces penso que os premios e o éxito son asuntos contrarios. Quen move o éxito é a mercadotecnia , os medios de comunicación, as relacións públicas. Quen move os premios literarios galegos é, estritamente, o criterio de calidade." Non pensa igual Cameselle, que si considera a importancia do factor industrial nos certames. "Aí hai uns grandes intereses pois a máis grande parte das veces implica a publicación da obra e niso entran factores coma o de quitarlle ou non rendibilidade a un escritor novo. En caso de dúbida, penso eu, danllo aos autores coñecidos".

Cartos na gloria
Non todo é gloria cos premios literarios. A miúdo, a importancia económica dos mesmos é o engado que animan os autores a se presentar. Isto é especialmente importante no caso daqueles premios mellor dotados economicamente (Caixanova, Martín Códax, Xerais) e tamén naqueles outros destinados a autores novos, que ven na literatura unha ocasión de gañar uns cartos extra para a súa modesta economía. A contía económica é para Caneiro "Importante, mais non suficiente. Vivir exclusivamente da escrita en galego é case imposíbel. Isto debera facer reflexionar ás autoridades. Ser escritor e escritor galego segue a ser un acto de resistencia. A pregunta é até cando?" Aínda que o montante non sexa moi alto, gañar un premio é o único xeito en que xéneros coma a poesía poden darlle algún rendemento económico ao autor, dadas as escasas tiraxes dos poemarios e a mínima proporción que os autores reciben por cada volume vendido. Vilavedra incide especialmente na importancia dos premios neste sentido, "son un investimento que a sociedade galega fai en promover unha cultura de seu, e é un investimento merecido. As cantidades que un autor galego recibe en concepto de dereitos de autor van ser sempre moi limitadas porque esta é unha cultura cun teito de compradores, e ese é un xeito da sociedade por lles devolver aos seus escritores que eles fagan esa aposta por desenvolver unha cultura autóctona."

Final
Con toda a complexidade que rodea a cuestión, en xeral autores e estudosos coinciden en que a existencia de certames é positiva. Vilavedra declárase "defensora dos premios, primeiro porque teño a constancia xeral de que son limpos. Estiven en moitos e moi distintos". Do mesmo xeito Caneiro considera "exemplar o noso elenco de premios. Son honestos, diversos e abranguen moitos tipos de literatura. Síntome orgulloso de escribir nunha lingua con galardóns sinceros, máis ou menos acertados, pero sinceros sempre". Desde as editoras, Manuel Bragado sinala que, "aínda que considero indispensábel o papel destes galardóns no noso sistema literario", cómpre unha certa revisión deste sector. "Os premios están a caer nalgúns casos nunha certa rutina. Habería que reconverter algúns e que pasasen de ser premios á creación á premios para obras xa editadas".