As parroquias de Xestoso desenvolven unha inusitada actividade sociocultural promovida desde a Igrexa

Parroquia plus

Existe un lugar en Galicia onde cada Entroido se fai unha misa á que todos os veciños van disfrazados. Onde en lugar de procesións hai tractoradas sacras. Onde existe un Consello de Anciáns e toda a poboación participa na recuperación de patrimonio histórico. Os habitantes do Val do Xestoso, en Monfero, desenvolven unha intensa actividade cultural e social que se artella arredor da parroquia.

Nestas datas de Entroido, quen se achegue a misa ao Val do Xestoso, en Monfero, poderá asistir a unha cerimonia ben curiosa. Nunha igrexa a rebordar, os asistentes están totalmente disfrazados. Ao rematar o sacerdote reparte agasallos entre os nenos e os asistentes. Non moito tempo despois, en Semana Santa, tractores engalanados percorren as parroquias da zona. Sobre os remolques, as imaxes dos santos do lugar visitan as diferentes aldeas, distantes entre si case vinte quilómetros. Onda a maquinaria agrícola, os veciños da zona seguen a procesión, a pé ou a cabalo. Un desfile que ao mesmo tempo é un concurso xa que as máquinas e os xinetes máis arranxados reciben premios en metálico, e un xantar colectivo fecha a xornada de celebración relixiosa. Iniciativas tan orixinais coma estas, e outras máis teñen unha orixe común, Luís Ángel Rodríguez Patiño, párroco de Xestoso. A necesidade actual de que un mesmo sacerdote se encargue de varias parroquias fai que tamén Cambás, no Concello de Aranga, forme parte de moitas das actividades organizadas desde a parroquia.

Estratexia
"O que se intenta é crear un centro de referencia", explica Rodríguez Patiño. "Penso que isto está funcionando porque vén xente mesmo de Pontedeume ou das Pontes a actividades desta parroquia. O Consello de Anciáns quérese imitar en Paderne e noutros lugares". O proxecto comezou hai xa tempo. "Eu tiven a idea cando cheguei en 1982 de conseguir que unha pequena aldea de catro casas chegase a ser unha referencia, e pouco a pouco semella que se vai conseguindo". Un grande esforzo de organización e na busca de financiamento únense a unhas orixinais ideas que o párroco apón, medio en broma "á inspiración divina". "Trátase de ver a realidade do que quere a xente. Ao mellor de dez proxectos saen dous, e se saen pois bendito sexa Deus".

Catecismo e ancianidade
A pesar de que estas celebracións poden ser as máis vistosas, a actividade que se desenvolve arredor da parroquia é moita máis ampla e ten un calado moito máis fondo. Desde un centro catequético que cumpre unhas funcións de auténtico centro sociocultural organízanse exposicións, certames fotográficos ou actos polo Día das Letras (como a recollida de contos tradicionais relacionados coa zona), entre outras actividades que chegan mesmo á presentación de denuncias ante problemas que afectan ao conxunto dos veciños. Tamén xurdiu da parroquia a constitución do primeiro Consello de Anciáns de Galicia, feito a semellanza do creado en Almendralejo. Este órgano, de carácter consultivo, quere servir para promover "a inserción social dos nosos maiores" e aproveitar "a inmensa riqueza que supón a súa experiencia", segundo sinala o web da parroquia. Onda esta iniciativa, cada ano celébrase a xornada "Saber envellecer" onde os anciáns da zona teñen ocasión de coñecer os problemas e vantaxes que teñen as idades avanzadas.

Accións sociais
Rodríguez Patiño participa activamente tamén na Plataforma Pro-Monfero, unha entidade que agrupa diferentes asociacións da zona (incluído, é claro, o Consello de Anciáns) e que quere reivindicar melloras para o concello. Deste xeito, o colectivo xa denunciou a falta de investimento para o Parque Natural existente na zona ou a central eléctrica que construíu Fenosa, alén de reclamar accións para a recuperación total do mosteiro de Monfero. A Asociación de Mulleres do Campo, que celebran seminarios sobre malos tratos e clases de informática, ou a cooperativa agraria Vallexestoso contan tamén con participación eclesiástica. "A parroquia é todo", sinala Rodríguez Patiño, "a asociación de mulleres inicieina eu e na cooperativa tamén, non hai esa separación que hai coa igrexa noutras partes, aquí o cura métese en todo."

Santuario
Un dos empeños máis destacados que teñen desde a parroquia é conseguir que se declare Santuario Mariano a Igrexa da Virxe dos Remedios. Segundo recolle o web da parroquia, esta capela ten desde hai moitos anos sona de milagreira e conta cunha grande veneración entre os veciños. Para conseguir esta declaración, xa se promoveron varias recollidas de sinaturas e creouse un rexistro para que os veciños dean a coñecer os favores que atribúen á virxe e as peticións que lle fan. "Ínteresame máis que a xente o asuma coma santuario do que unha declaración oficial", sinala o párroco, "e nese sentido está funcionando ben porque cada vez acude máis xente ás celebracións". Xa antes de ser igrexa parroquial esta capela era xa un Santuario no século XIX, e iso podería facilitar unha nova declaración. "Isto significaría unha riqueza para a comarca, o contorno dun santuario sempre xera unha certa actividade económica e iso fai que a zona medre un pouco. O que se intenta máis que nada e ter un centro que dinamice un pouco de economía. Se mañá temos unha Lourdes pequena ou unha Fátima pequena é xa un pequeno milagre."

Patrimonio
A preservación do patrimonio ocupa boa parte das actividades que se desenvolven desde a parroquia. Desde xeito, desde o centro catequético realizouse unha campaña para conseguir ter en depósito e expor a antiga ara da capela de Santa Balla. Alén diso, desde o Consello de Ancianos estase a promover nos últimos anos un a recollida de obxectos antigos nas diferentes parroquias, e o Centro Catequético organíza certames animando aos máis novos a recuperar fotografías antigas que despois son expostas con textos que explican as diferentes imaxes. Alén diso, o párroco promoveu a restauración da capela da Virxe da Ascensión e recuperou abondosos manuscritos e textos litúrxicos que se conservaban na zona e que na actualidade poden verse na igrexa de Santa María do Alto Xestoso coincidindo coa celebración dos cultos.

Proxectos
Entre os vindeiros proxectos está xa en marcha a rehabilitación da Casa Reitoral, actual sede do Consello de Anciáns e que comezará a funcionar en breve coma centro do día. "Conseguimos unha axuda de 15.000 euros de La Caixa e tamén o apoio da Consellaría de Medio Ambiente, que axudou á rehabilitación externa do edificio e construíu un pequeno anfiteatro e unha área recreativa", lembra o párroco. No interior tamén se arranxarán varios cuartos para facer xuntanzas e outros actos sociais. E para a vindeira Semana Santa, unha nova edición da Tractorada Sacra.