Nace "Teatro Cachuzo" unha compañía que busca reflectir a actualidade

Teatro novo

A estrea da obra "Fume" que se realiza hoxe na Sala Nasa de Santiago constitúe a presentación pública da compañía "Teatro Cachuzo". O grupo teatral nace coa intención de seguir unha liña baseada en textos actuais e reflectir a realidade social, tratando temas como a problemática laboral.

A compañía



Carlos Losada, un dos fundadores de "Teatro Cachuzo", destaca que o obxectivo da nova compañía é "falar do que pasa" e non facer "teatro de escapismo". O punto de vista que buscan é o da microeconomía, reflectindo os problemas de emprego e do sistema laboral. A súa intención é chegar ó público de entre 18 e 40 anos, que "que ven o fenómeno teatral como para maiores", segundo Losada. Outra peculiaridade da compañía é o estar integrada dentro de "Produccións Seres e Estables", unha sociedade que se encarga das cuestións de producción, xiras e subvencións, deixando libres ós actores para dedicarse exclusivamente ás obras.


A obra


A obra que serve de presentación á compañía é "Fume", que se estrea esta noite na Sala Nasa, conta a historia de dous homes que traballan nunha sala de despece de animais cun contrato temporal. Durante a obra van facendo repaso das súas inquietudes, afeccións e esperanzas. Formalmente, a obra adopta unha liña cinematográfica "con planos curtos planos secuencia", segundo explica Carlos Losada, coautor da obra. Os actores que interveñen son Rubén Ruibal, quen xa participou en espectáculos da compañía "Teatro de aquí" e Nacho Castaño, que xa participou en "Mareas Vivas", "Galicia Express" e "Divinas Palabras". Castaño tamén se encargou da dirección da obra e da súa creación onda Carlos Losada.