Cans dálle o Chimpín de Prata a Víctor Coyote

O festival programará unha exposición que repasa a súa obra artística centrada no mundo do cinema e da televisión

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Víctor Coyote

Víctor Coyote

O Festival de Cans na súa vindeira XXIII edición, entre o 19 e o 23 de maio, recoñecerá ao músico e artista tudense Víctor Coyote co galardón honorífico Chimpín de Prata á súa traxectoria. Catro décadas de actividade acumula o músico de Tui, primeiro como líder da banda Los Coyotes, para logo desenvolver unha carreira en solitario e tamén como ilustrador e realizador. O festival adicaralle unha exposición ao seu traballo como debuxante arredor do cinema e o audiovisual, que incluirá ilustracións, storyboards, cartaces e outros materiais, así como unha selección da súa obra audiovisual como realizador. A súa verquente musical poderá verse tamén no Invernadoiro Rei Zentolo o sábado 23 ás 20:00 horas, nun concerto no que presentará temas do seu novo traballo El Propio.

A carreira musical de Víctor Aparicio, tamén coñecido como Víctor Coyote, caracterízase por unha constante exploración estilística, afastada de fórmulas fixas, na que conviven influencias diversas cun selo autoral moi recoñecible. Figura clave desde os anos da Movida, primeiro á fronte de Los Coyotes e posteriormente en solitario, foi pioneiro na incorporación de ritmos latinos nun contexto no que non eran habituais, combinando o rock, o punk e as músicas de raíz cunha mirada propia e letras de forte compoñente social e costumista. En paralelo, desenvolveu unha ampla traxectoria como ilustrador, deseñador gráfico e debuxante, deixando a súa pegada en proxectos cinematográficos de directores como Álex de la Iglesia ou o colectivo La Cuadrilla, así como en producións audiovisuais recentes como a serie Poquita Fe, ou deseños inéditos descartados para proxectos que non chegaron realizarse. A súa obra inclúe tamén numerosos traballos de storyboard para documentais, videoclips e diferentes pezas audiovisuais, consolidándose como un creador multidisciplinar de referencia. No eido audiovisual, Víctor Coyote realizou tamén documentais, videoclips, pezas animadas e curtametraxes, explorando linguaxes diversas cun estilo moi persoal, plasmadas en vídeos musicais para artistas como Los Rodríguez, Mastretta ou os seus propios temas.

Que che parece esta nova?
128 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves