ABRIL presenta o seu primeiro disco de estudio 'Medrar'

O álbum do dúo é unha viaxe que mestura a música de raíz con novas sonoridades

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:
ABRIL presenta o seu primeiro disco de estudio 'Medrar'

O dúo ABRIL, formado por Claudia Abril (voz) e Marina Carpente (violín), presenta Medrar, o seu primeiro álbum de estudio. Un proxecto para un novo tempo na música de raíz, fusionando a tradición cunha sonoridade ampla e contemporánea. As nove pezas de Medrar beben de fontes orais e arquivos fundamentais da nosa tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz), ata sonoridades de Balouta (Ancares leoneses), o legado de Florencio dos Vilares na Fonsagrada ou o canto de "Teresa dos Cucos" en Malpica. Esta materia prima, recollida por investigadores como Xisco Feijóo, Xandre Outeiro ou Guillerme Ignacio, transfórmase en mans de Abril en novos himnos grazas á suma de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.

Medrar non é só un título, segundo explica a comunicación da formación; é unha declaración de intencións. O álbum nace do concepto do "lugar seguro", as redes afectivas e é tamén unha celebración do facer colectivo: un disco construído en equipo: a narrativa visual foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ (nononon.lab) e o deseño gráfico de Sara Castro. O traballo, producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), logra un equilibrio onde a pandeireta e o violín conviven coa electrónica. O traballo gravouse entre os estudios Ancestral de Isaac Millán, en Xustáns (Pontecaldelas) e o Pazo de Mariñán (residencias creativas da Deputación da Coruña). 

Que che parece esta nova?
145 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Mondariz, Cotobade, Malpica, Ancares...