A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional como actor, tanto no eido da comedia como do drama, "cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos". O premio será entregado o sábado 4 de xullo, ás 22:00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.
Morris foi impulsor e cofundador no ano 1978 en Vigo da compañía ‘Artello’ e da Sala Carral, "imprescindibles na modernización do teatro galego", tal e como sinalan desde a Mostra. Desde os inicios da súa carreira, cando apenas era un adolescente, o actor traballou activamente na profesionalización e dignificación da profesión actoral así como na consolidación do sistema teatral galego. En 1984 participou na creación do Centro Dramático Galego. A MITCFC considera que ‘Morris’ é hoxe "un referente indiscutible tanto para o público como para o sector escénico de Galicia".
Cunha carreira interpretativa de case 50 anos, Antonio Durán traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, da televisión e do teatro en Galicia. ‘Morris’ gañou en seis ocasións o Premio Mestre Mateo. Ademais, foi merecedor dun Premio Feroz polo súa interpretación na serie Fariña, e catro nomiacións aos Premios María Casares pola súa actividade teatral.


