A primeira xeira da Trienal de Sarria, que organiza a Asociación Cultural Huhú, bota a andar o seu cuarto bloque expositivo. O local O local A Sede acolle desde este este sábado 18 de abril a mostra colectiva O Lexicón Freático - Volume 1. Traballos dos portugueses Bárbara Fonte e João Vasco Paiva, o vigués Salvador Cidrás e o colectivo Clo Plas, conformado por Berio Molina e Xiana Arias, dialogan arredor da publicación do mesmo título, realizada por Víctor nunha antiga imprenta de caracteres de chumbo.
Segundo sinala a presentación da iniciativa, "lonxe de ilustrar unha publicación previa, as obras reunidas activan o Lexicón como estrutura en uso e prolongan no espazo expositivo a súa lóxica conceptual e material. O proxecto articúlase así desde rexistros complementarios ligados ao corpo, o territorio, a percepción, o coidado, o oficio e as condicións de aparición das obras". A xornada de apertura, que comeza ás 19:30 horas, contará coa presenza dos artistas, a presentación da publicación, unha performance de Bárbara da Fonte e unha actuación de Clo Plas.
Esta iniciativa compón cuarto bloque expositivo da Trienal de Sarria, que se presenta como un programa experimental de arte contemporáneo. Baixo o lema Arquipélago interior, a iniciativa desenvolve desde 2024 os seus bloques, cada un dos cales conta cunha exposición central "na que cinco artistas ou colectivos presentarán obras e proxectos sensibles ao contexto, relacionados coa temática xeral do programa e as súas imprevistas relacións". Está previsto que a primeira xeira da iniciativa remate co bloque quinto, que se desenvolverá entre o verán e o outono deste 2026.


