O XIII Carballo Interplay contará con 19 series a concurso

O festival de pensamento e contidos dixitais celébrase entre o 16 e o 19 de abril

| Santiago. Redacción | Seccións: audiovisual
Compartir:
O XIII Carballo Interplay contará con 19 series a concurso

Dezasete producións internacionais chegadas de dez países, ademais de dúas series de orixe estatal compoñen a sección oficial do XIII Carballo Interplay que se desenvolverá entre o 16 e o 19 de abril nesta vila coruñesa. Canda a estas propostas, o festival de pensamento e contidos dixitais achega a preestrea en Galicia dos dous primeiros capítulos de Millennial Mal, serie creada por Lorena Iglesias e dirixida por Andrea Jaurrieta. Canda a esta, poderá verse a estrea, comentada polo equipo, de Epidemia invisible, de Román Varela, serie galardoada na anterior edición do certame co premio ao proxecto dixital en galego. Tamén se presentará no evento a serie infantil PIPO.

O Museo de Bergantiños, en Carballo, acollía na mañá deste 7 de abril a presentación da nova xeira do encontro, que "reafirma o seu lugar como espazo de referencia para pensar o ecosistema dixital desde dentro, cunha proposta que mantén o vínculo afectivo con internet como lugar de creatividade, identidade e comunidade, ao tempo que introduce unha ollada crítica sobre a saturación, os algoritmos, a precariedade e as novas formas de consumo cultural na rede". 

Ademais das proxeccións, o festival inclúe unha series encontros e conferencias que comezarán o día 16 a falar sobre "sobrevivir en galego nas redes sociais", con Konachadas e Prado Rúa, activismo dixital, da man de María G. Canedo, a presentación do número 5 da revista Clara Corbelhe, dedicado a Soberanía dixital contra o poder algorítimico. O día 17 será a quenda de Maldita a falar sobre IA e traballo en medios dixitais, un debate sobre a situación do formato podcast a nivel estatal con Ana Alonso, Oscar Piera, Javier Hernández e mais un encontro de novas voces no que participan Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up! 

 

Nas sesións do 18 Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluch falarán sobre as novas normas da divulgación en redes,  Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco compartirán as súas experiencias co Internet chiquito,  e Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix analizarán a celebérrima serie Twin Peaks. Tamén estarán presente no encontro os podcasts Sexo en Nueva York, con Raquel Piñeiro e Patricia Blanco, Bimboficadas, da man de Samantha Hudson e María Barrier e mais Pop y muerte de Kiko Amar e Benja Villegas. Un concerto de Pantis e unha sesión vermú a cargo de Monkey Mambo completan o programa.

 

No certame, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego concederá 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os galardóns á Mellor Canle e á Mellor Creadora ou Creador recoñecerán con 600 euros cada categoría. Nesta ocasión presentáronse a este certame 35 proxectos, o que supón unha marca de participación no festival. Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Xunta de Galicia a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.

Que che parece esta nova?
91 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves