Imaxe da RAG
Os nomes oficiais de 12 concellos, 182 parroquias e 2.335 lugares mudarán logo de que o Consello da Xunta deste 30 de marzo aprobase a revisión do Nomenclátor de Galicia. As modificacións recollen as propostas que o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega realizou ante a Comisión de Toponimia do Goberno Galego logo de revisar 4.398 topónimos. A versión anterior do Nomenclator era de 2003.
En concreto, a revisión oficializa os nomes de Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras, sen guión, logo das fusións destes concellos. Tamén retira este signo Mondariz Balneario, mentres Cangas engade "do Morrazo" e Alfoz recupera o nome histórico de Alfoz do Castrodouro. Boa parte das modificacións afectan a nomes con artigo, como no caso de Riós, que pasa a ser O Riós, O Porto do Son, O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas. Pola contra, Pastoriza perde este elemento e A Cañiza restitúe a forma tradicional A Caniza.
A nivel parroquial, a revisión muda 128 advocacións nos nomes oficiais destes espazos e engade 7 parroquias máis ca na versión de 2003. Segundo explica a RAG "unha delas é A Coruña, que se refire en termos administrativos a todo o núcleo urbano da cidade do mesmo nome; outra é Os Tilos, en Teo; dúas pertencen a Narón, Xuvia (Santa Icía) e Xuvia (San Martiño); e as demais son Santo Estevo e Teixeira, en Baralla; e Sevane, en Navia de Suarna.
A modificación integra ademais 1.655 novos nomes á listaxe de denominacións oficiais do país, en moitos casos lugares que non estaban correctamente rexistrados. Neste sentido destacan os casos de Foz, que suma 176 lugares á listaxe do nomenclátor, Lourenzá, que engade 56, Narón, con 53, Ourol (49), Pontevedra (47) ou o Porto do Son, con 37 entidades de poboación máis.
Na revisión elimináronse tamén 8 parroquias e 155 entidades de poboación que estaban adscritos a parroquias erróneas ou eran "nomes de terras, de avenidas, de rúas, de prazas, de aldeas asolagadas ou desaparecidas", segundo sinala a RAG. Á hora de valorar as modificacións, a Xunta sinala que se procurou recuperar formas autóctonas fronte as outras alleas a partir da etimoloxía dos topónimos, documentación histórica, tradición gráfica dos dous últimos séculos ou uso da veciñanza. O Seminario de Onomástica da RAG atendeu tamén ás formas dialectais empregadas en cada lugar e tentou mendar erros no uso dos artigos.


