A Deputación da Coruña daba a coñecer este 26 de marzo a resolución da nova edición das Residencias Artísticas Mariñán que convoca cada ano a área de Cultura da entidade. En total, quince proxectos de literatura, pensamento, música e contidos en redes sociais participarán deste programa ao longo dos vindeiros meses, unha contía que supera con creces as oito propostas seleccionadas en 2025.
No ámbito da literatura, as propostas seleccionadas foron as de Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto Nunca morreramos tan xuntos, e Petra Iglesias Gallego, con Disforia: unha mancha de pel allea. Na sección de pensamento participan do programa Cristina Rodríguez Barrado, con PIM PAM PUM: un entroido!, e Carlos Fernández López, con Curvas e pregos. Escuma ou Crinas.
As residencias de música serán para O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).
Finalmente, a sección de creación de contidos socioculturais en redes sociais facilitará os proxectos CienciA: catro pioneiras galegas, de Yeray Folgar Cameán; Cultura ao descuberto, de Candela Lola Battiato Miñones; Tradi 2.6, de Miguel Barbazán Lesta; Reportando na Zona, de Irene Rouco Táboas; carlotaghatos, de Carlota Casal Ramos; Séculos Escuros, de Laura Villar Loureiro; e Adochinto, de Leticia Mayán Rodríguez.
As residencias desenvolveranse entre o 13 e o 24 de abril no Pazo de Mariñán, en Bergondo. As de música e creación de contidos distribúense en dúas quendas do 13 ao 18 e do 19 ao 24 de abril. As persoas responsables dos proxectos participantes contarán con aloxamento no Pazo, acompañamento por parte do comisariado de cada sección e formación e encontros con persoas relacionadas con cada un dos ámbitos.


