O ciclo Mulleres de palabra(s) reúne a tres premios nacionais de poesía

Entre marzo e outubro realizaranse sete actividades e porase en marcha unha biblioteca ambulante

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaSociedade
Compartir:
O ciclo Mulleres de palabra(s) reúne a tres premios nacionais de poesía

A segunda edición do ciclo de conversas Mulleres de Palabra(s), da Deputación provincial de Pontevedra dá comezo hoxe, 28 de marzo coa celebración do Día Mundial da Poesía ás 12.30 horas no pazo provincial na que participarán as tres últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía: Mirian Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño. Trátase dunha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra na que as protagonistas serán as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. O programa deste ano consta de sete actividades a desenvolver entre os meses de marzo e outubro.

Entre as novidades desta segunda edición do ciclo sobresae a posta en marcha dunha biblioteca ambulante que percorrerá distintos centros educativos dos concellos da provincia para achegar ao alumnado recomendacións de obras literarias realizadas por mulleres. Cada xoves do mes de abril está programado un obradoiro para ler poesía con Dores Tembrás. Xa en maio, Arantxa Portabales protagonizará unha conversa en Marín e no mes de xuño será Andrea Fernández Plata a que dirixa un obradoiro de cerámica na Lama. O ciclo continuará en setembro cun acto no Palacete das Mendoza coa poeta Antía Otero e a cantante e compositora Guadi Galego titulado “Escribir e cantar: a música das palabras”. A clausura desta segunda edición está prevista para o 17 de outubro para celebrar cunha sesión de lectura o Día das Escritoras.

Que che parece esta nova?
189 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Claves