A Academia Galega de Ciencias recoñece a Xurxo Mariño co seu premio de divulgación

O neurocientífico desenvolve desde hai anos unha intensa carreira na comunicación científica

| Santiago. Redacción | Seccións: ciencia
Compartir:
Xurxo Mariño. Fotografía de Elisardojm. Fonte: Wikimedia Commons

Xurxo Mariño. Fotografía de Elisardojm. Fonte: Wikimedia Commons

A Real Academia Galega de Ciencias daba a coñecer este 23 de marzo o fallo do seu  VII Premio de Divulgación Científica. A institución acordou recoñecer nesta xeira o neurocientífico Xurxo Mariño polo seu labor neste campo. Mariño, nado en 1969, leva anos a desenvolver un constante labor de cara a popularizar a investigación.

Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, especializado en neurofisioloxía, Mariño é profesor do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña. Fai parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais, ademais de ser membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, entidade que publicou as súas obras divulgativas Os dados do reloxeiro e Po de estrelas.

 

Para alén do seu labor académico, desde moi cedo desenvolveu o interese por dar a coñecer a ciencia entre o grande público. Neste campo foi un dos fundadores de Divulgacción, asociación que agrupa persoas con estes intereses no noso país. Desde 2018 dedícase en exclusiva a desenvolver propostas de comunicación arredor da ciencia. Neste sentido ten colaborado con múltiples publicacións e medios como a Radio Galega, RNE, TVG ou La 2, onde fai parte do equipo do programa Órbita Laika

 

Para alén dos centos de conferencias e seminarios que ten impartido, desde 2006 desenvolve os cafés-teatro científicos nos que conta coa colaboración de profesionais da escena e que o Instituto Cervantes levou nunha xira internacional. O seu traballo valeulle galardóns como o Premio Especial do Xurado no I Certame FECYT de Comunicación Científica (2011), o Premio Tesla de Divulgación (2014), o Premio Gala do Libro Galego (2018), o Premio Follas Novas (2021) ou Premio Prisma de Divulgación (2024), entre outros.

Que che parece esta nova?
159 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves