Os festivais Atlántica e Sete Falares, canda á asociación Narración Oral Galega, celebran este 20 de marzo o Día da Narración Oral. A investigadora e académica Camiño Noia foi a autora do pregón desta xeira, un texto no que reivindica a voz e a presenza fronte ás pantallas. Arredor desta data, a axenda cultural do país inclúe preto de 40 actividades en diferentes localidades "nas que narradoras e narradores galegos levarán os contos a bibliotecas, teatros, centros culturais e espazos comunitarios, enchendo Galicia de historias", segundo sinalan as entidades organizadoras.
A lembrar a importancia de Camiño Noia, a organización salienta que é "unha figura clave na cultura galega: fundadora de Xerais, autora da antoloxía Palabra de muller, entre moitas obras, antropóloga e piar fundamental na investigación da oralidade en Galicia. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un traballo pioneiro na recollida, análise e clasificación da narrativa oral galega, creando un amplo catálogo que sitúa os contos tradicionais galegos en diálogo coas tradicións europeas e universais".
No seu texto, esta investigadora reivindica "fronte á letra morta, escrita nunha folla, na voz cálida e amorosa das avoas e das nais recibimos a palabra viva da nosa lingua". Canda a isto lembra que "a comunicación oral foi o primeiro paso da humanidade e sempre será a rede que manteña vivas as sociedades". Fronte a este patrimonio, Noia sinala que "con contos, música e risas, constrúese o colectivo, refórzase a sociedade e o mundo resulta máis solidario. Deixando a transmisión de contos na voz de nos deseños dos trebellos informáticos, a comunicación queda reducida á tremoia de fondo", a insistir en que "a voz presencial é a mellor pantalla na que nenos e nenas escoiten os contos".
Entre as múltiples actividades que se desenvolven arredor desta data en todo o país, destaca a estrea, da man de Cris de Caldas, do espectáculo Mitoloxía disidente. A caixa de Begoña que se realizou na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura o pasado sábado 14. No mesmo, a narradora revisita mitos escritos pola homenaxeada no Día das Letras como Penélope, Circe, Morgana ou Sherezade.
Tamén Dani Blanco estrea espectáculo para público a coincidir coa efeméride. Enterros, tabernas e contubernios poderá verse no Centro Social A Alvariça de Allariz o día 18. A Biblioteca de Barro, pola súa banda, acollerá o día 24 un Encontro Comunitario de Oralidade que se presenta como "un espazo para escoitar e narrar historias". Canda a estas, múltiples proposta de narración oral ocupan a axenda cultural do país ata final de mes a cargo de profesionais como Paco Nogueiras, Raquel Queizás, Sole Felloza, Atenea García, Vero Rilo ou Pablo Díaz entre outros nomes.
A celebración do 20 de marzo quere lembrar a "necesidade de profesionalizar o sector da narración oral, promovendo programacións estables e diversas que non se limiten ao público infantil, senón que inclúan tamén espectáculos para público adulto, recoñecendo así a amplitude e riqueza desta disciplina artística" ao tempo que "reivindica a lingua galega como lingua de creación, transmisión e encontro, reforzando o seu uso vivo a través das historias compartidas".





