Thank you for holding, que pode ser traducido como "Grazas por manterse á espera", é o título do álbum co que a banda coruñesa Meu volve á actividade tras catorce anos desde o seu segundo disco e posterior cese de actividade. Esta formación, integrada por ex-compoñentes de bandas tan significativas na escena coruñesa como Elephant Band, Deluxe ou Triceratops, acadou na primeira década deste século certo alcance nos círculos da escena nacional do pop pola súa proposta potente e sofisticada e que os levou por festivais como Primavera Sound ou Purple Weekend.
Co novo disco xa publicado en plataformas, os MEU volven para agradecer a quen os lembre e talvez para compartir o seu amor pola música tamén con quen aínda non os coñecía. O primeiro sinxelo que adiantaron do album xa deixaba clara a intención da volta: Having fun (divirtíndonos). O vindeiro 8 de maio presentarán esta nova etapa en directo no Garufa Club da súa cidade.
Doce temas en inglés, como a súa discografía anterior, conforman este Thank you for holding (Chesapik, 2006) que xa se pode escoitar nas plataformas de streaming. Ricardo Saavedra, Alberto Dopico, Nacho Mora. Alexandre González e Mikelini Martínez son a formación actual de MEU. Mora asina dez dos temas mentres que outros dous son obra de Saavedra. Na escoita de todos eles recuperamos tanto o carácter da banda como o son polo que foron coñecidos dentro e fóra de Galicia.
Inseridos nas correntes da música anglosaxona dos anos 60 e 70 tan presente na escena da Coruña desde fai décadas, os MEU dan con este traballo un recital que vai desde a psicodelia pop ata o post-punk, pasando polo garaxe mod e o synth pop. Nas letras trátanse temas do máis contemporáneo desde unha perspectiva crítica con algunhas cuestións cotiáns que teñen que ver coas redes sociais, a hiperconectividade ou a frialdade tecnolóxica, pero tamén hai espazo para o sentimentalismo e para o hedonismo roqueiro e o baile. Quda por saber cal será a continuidade do proxecto MEU nesta nova etapa que agardamos que non nos deixe outros tres quinquenios de silencio por diante.



