Mega Purple Sex Toy Kit volve a primeira liña con disco longo

'Good Vibrators' é o primeiro LP desta veterana banda de rock garaxe

Capa do disco. Arte: David Cobo
Capa do disco. Arte: David Cobo
Mega Purple Sex Toy Kit é unha banda que precisa presentación a pesares dos seus anos de traxectoria e máis se temos en conta que o disco que este ano presentan Good Vibrators (Roctopus Tea Party records, 2018) é o seu primeiro longa duración cando pasaron máis de catorce anos desde a súa formación. Á hora de denominar a Mega Purple Sex Toy kit as definicións basculan entre "grupo maldito" e "superbanda" o cal xa nos dá unha referencia de que estamos ante un proxecto moi especial desde o minuto un. Pero é que ademais é unha das bandas imprescindibles no que a psicodelia se refire no panorama musical galego.

Nos antecedentes (ou nas vidas musicais paralelas) desta formación coruñesa están bandas moi coñecidas como a Elephant Band, MEU, Mistakens, Fogbound, Espiño ou Los Chavales, entre outras. Tras disolución da Elephant Band no 2001, Marcos Santomé (baixo) e Fernando G. Vilaboy (hammond) únense con David Cobo (guitarra rítmica, sintetizador), Emilio Prieto (batería), Alfonso Espiño (voz, guitarra acústica) e Uxío Solla (guitarra) e na liña de executar un rock de garaxe psicodélico e claramente sesenteiro comezan a acadar presenza en festivais e recoñecemento nas súas actuacións en directo. En 2004 gravan catro temas para un EP para o que tiñan preparado o mesmo nome que este LP, Good Vibrators, pero que non chega a ver a luz nunca. A banda desaparece dos escenarios durante anos ata que no 2010 vólvense xuntar con Ramón Saleta na batería no escenario do Sixties Rock Weekend de Castellón. A partires de aí retoman os concertos e sacan novos temas que inclúen en dous recompilatorios: o vinilo tributo a Los Contentos, Jesus Loves The Wah-Wah (Un tributo a Los Contentos) (Loony, 2014), e Fogbound / Mega Purple Sex Toy Kit: Pop Think In! (Pop Think In!, 2015).

Agora, baixo o selo ourensán Roctopus Tea Party records a banda presenta un disco nos que aos catro temas pensados en 2004 suman outros oito ata conseguir un traballo redondo de doce cancións con gravacións realizadas ao longo dos intermitentes tempos da banda. Unha primeira parte do disco corresponde á gravación orixinal de 2004 nos X-Studios de Mieres, co seu batería orixinal e coa produción de Fernando Marín e Pablo Argüelles. A outra parte gravouse no 2014 nos estudios Montealto da Coruña, xa con Ramón Saleta na batería. O disco presenta cancións propias, todas en inglés agás unha versión en castelán dunha canción propia en inglés: Tu Canción. Guitarras distorsionadas e rock sixtie cun uso máis que alegre e lixeiro dos órganos para conseguir dotar a este i>Good Vibrators desas vibracións das que presume no título. Unha saída que se presenta en vinilo tamén como non podería deixar de ser e que alegrará os estantes de seguidores desta banda "super" ou "maldita" segundo onde se mire, pero imprescindible en todo caso na escena musical do rock independente.