A Xunta presenta a candidatura para que Santiago sexa en 2028 Cidade Europea da Ciencia

O proxecto desenvolveríase de maneira compartida coa cidade polaca de Gydnia e as italianas Rávena e Módena

| Santiago. Redacción | Seccións: CienciaSociedade
Compartir:
Imaxe nocturna da catedral e da súa contorna. Fonte: Concello de Santiago

Imaxe nocturna da catedral e da súa contorna. Fonte: Concello de Santiago

A Xunta de Galicia ven de formalizar a candidatura para que Santiago de Compostela poida ser elixida cidade europea da ciencia no ano 2028. Deste xeito, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP culmina un traballo de meses co obxectivo de lograr un novo fito para a I+G+i, a investigación e a innovación feitas no país. 

O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena. Ata agora, España non ten conseguido ningunha declaración de cidade europea da ciencia polo que, se a candidatura da Xunta obtivese o visto bo, Santiago sería a primeira.

 

A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía. Estes fondos beneficiarían tanto a capital galega como as cidades de Vigo e da Coruña. De feito, a candidatura liderada pola Xunta de Galicia conta como socios galegos coa cidade compostelá e coas universidades de Santiago, de Vigo e da Coruña, que poderían desenvolver actividades nos seus campus dentro da programación. Tamén participa a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica. Como parte da programación, Galicia albergaría tamén a celebración de dous concursos europeos que premian a ciencia excelente na mocidade: EUCYS e TalentON. Isto permitiría seguir fomentando vocacións investigadoras e recoñecer o talento emerxente.

Que che parece esta nova?
88 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ciencia, Italia, Xunta de Galicia, Educación...