Rosa Crujeiras convértese na primeira muller en dirixir da Universidade de Santiago

A catedrática de Estatística obtivo un total de 1.397 votos ponderados fronte a 721 da súa rival nas elecións á Reitoría

| Santiago. Redacción | Seccións: educación
Compartir:
Rosa Crujeiras. Fonte: USC

Rosa Crujeiras. Fonte: USC

Este xoves 12 de marzo a Universidade de Santiago proclama, de xeito provisorio, a Rosa Crujeiras como a primeira muller que ocupará a Reitoría da entidade. A catedrática de Estatística e Investigación Operativa impúxose nas eleccións ao posto ao obter un total de 1.397 votos ponderados fronte aos 721 de Maite Flores, a outra candidata, no reconto realizado o día 11. Logo dun prazo para presentar recursos, a proclamación definitiva realizarase o vindeiro día 23 de marzo.

Rosa M. Crujeiras é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización. Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007) pola USC, foi investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain (Bélxica). Como docente, impartiu clases nas Facultades de Matemáticas, Bioloxía, Enfermaría, Filoloxía e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en grao, mestrado e doutoramento, coordinou o doutoramento interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa e é membro da Comisión Académica do programa de doutoramento en Estatística da Sapienza (Italia). 

 

No marco da Universidade de Santiago asumiu cargos de xestión como a secretaría académica do Instituto de Matemáticas, ou o de vicedecana da Facultade de Matemáticas ata xaneiro de 2015. Nese ano incorporouse como adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación, e en 2017 pasou a ser vicerreitora. En setembro de 2021 asumiu a Dirección Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), cargo que ocupou ata decembro de 2025.  


O reitor saínte, Antonio López felicitou a gañadora e desexoulle o mellor para o futuro, "un futuro que oxalá sexa moi afortunado porque o será para toda a comunidade universitaria e salientou a "moi alta" participación nestas eleccións.

Que che parece esta nova?
165 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Antonio López, Tecnoloxía, USC, Bélxica...