Co título Antes de maio o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 17 de marzo a proxección dunha novela visual interactiva sobre as revoltas estudantís de 1968. A iniciativa fai parte do programa co que o Concello compostelán conmemora estas mobilizacións pioneiras no ámbito universitario durante o franquismo e que inclúe tamén os roteiros guiados Venceremos nós.
O proxecto Antes de maio sitúa o público na pel dunha estudante de primeiro no curso 67-68, que terá que decidir como implicarse nas protestas estudantís. Segundo sinala a presentación da iniciativa "as persoas participantes irán tomando distintas decisións que condicionarán o desenvolvemento do relato", que mestura realidade e ficción. Deste xeito, "a narración ofrece unha visión centrada na perspectiva das mulleres da época, e incorpora testemuños reais de Camiño Noia, Carme Ríos, Manuela Corral, Elena López, Carlos Campoy e as irmás Susana e Marisol López Facal. A medida que avanza a historia, a protagonista irá reunindo un inventario con diferentes materiais que o público poderá consultar a través dos seus teléfonos móbiles".
Canda a isto, o programa inclúe o roteiro Venceremos nós, que ten soporte web para se realizar de xeito autónomo e que ademais contará con sesións guiadas o xoves 12 e o venres 13 de marzo ás 19 horas, e o sábado 14 ás 12 e ás 16.30 horas. No mesmo, percórrense os principais escenarios das mobilizacións daquel momento co apoio de diferente documentación. As dúas actividades son de balde e, no caso dos roteiros, esixen inscrición previa.

