A Universidade compostelá viviu en 1968 as súas propias mobilizacións estudantís masivas

A area da praia debaixo da Quintana

20/2/2008 | Santiago. Redacción | Seccións: Historia
47 lecturas | Compartido 0 veces
Feches, asembleas multitudinarias, manifestacións, detencións, cargas... Non foi o maio francés, pero non ficaron curtos. Na primavera de 1968 a Universidade de Santiago viu como xurdía un movemento estudantil de protesta inédito ata o momento. No medio do franquismo, os estudantes reclamaban reformas na institución e, por extensión, en todo o Estado. Agora, unha mostra da Fundación 10 de Marzo lembra eses meses que marcaron un antes e un despois nas mobilizacións universitarias. O comisario desta exposición coméntanos os feitos nunha galería fotográfica.
Todo comezou cos estudantes reclamando unha maior representación nas institucións. O debilitamento do oficial e único Sindicato Estudantil Universitario e a menor politización oficial do ensino permitiu que diferentes organizacións opositoras confluísen na universidade coma un espazo máis de loita. “No 65, na universidade de Madrid téntanse afastar do SEU, e mesmo hai implicacións dos ensinantes. A consecuencia disto tres profesores son expulsados e iso xera unha grande conflitividade que tamén ten eco en Compostela, coa creación das Asembleas Libres de Estudantes Universitarios, onde conflúen as distintas forzas políticas”, explica Ricardo Gurriarán, historiador e comisario da exposición. Comunistas, galeguistas e mesmo cristiáns afíns ao espírito do concilio Vaticano II danse cita e colaboran na busca duns mínimos espazos de liberdade e co horizonte de acadar un sindicado democrático de estudantes.

Atravesar os muros

No entanto, foi o curso 67-68, e mais concretamente o primeiro semestre deste último ano, o que viviu as maiores mobilizacións universitarias na capital galega, que conseguiu ser un auténtico referente nas loitas académicas. “Nese curso a espita ábrea a actitude autoritaria dun decano, Ocón, que non recoñece os sindicatos nin as asociacións estudantís”, lembra Gurriarán. “O estudantado máis avezado na acción tentou forzar a lexislación para introducir conselleiros propios nas cámaras de facultades”. O que pode semellar unha loita sectorial, conseguiu finalmente implicar diferentes sectores sociais. “Un impacto importante desta loita é que transcendeu os muros da universidade e implicouse a sociedade, os intelectuais, pais, sectores corporativos ou sindicatos clandestinos”, lembra o comisario. Así as colectas en apoio dos represaliados que amosaron o amplo apoio social á causa dos estudantes, os artigos na prensa a prol das súas demandas ou a implicación directa nos actos de protesta amosaron que estas mobilizacións eran máis do que unha algarada universitaria.

Xeitos de protestar

Manifestacións, protestas diante de “El Correo Gallego” e mesmo da comisaría, unha folga que paralizou a actividade académica, un feche na sede central da Universidade, asembleas democráticas multitudinarias que reunían 4.000 dos 6.000 alumnos das facultades, cargas policiais, multas, detencións, expulsións… A loita e a represión subseguinte amosaron as súas diferentes expresións. “Fixéronse desaloxos de conferencias de xente do réxime, ante o florido da sociedade santiaguesa. Esperaban todos os estudantes entre o público e ao comezar marchaban e deixaban a sala baleira. Ou optaban por preparar preguntas e machucar o conferenciante no debate”, exemplifica Gurriarán algúns dos xeitos de protesta, entre os que destaca os primeiros esforzos por introducir do galego nas mobilizacións e o emprego da actividade cultural para a protesta. “Aquí por primeira vez, desde as asembleas do 65, a ferramenta da cultura coma elemento de axitación funcionou e fixéronse actos de homenaxe a Machado con carga ideolóxica”. Desta efervescencia cultural sairía o movemento Voces Ceibes, que deu precisamente o seu primeiro concerto en abril de 2008.

Resultados

Malia a que finalmente as protestas conseguiron desenvolver negociacións coas autoridades civís e universitarias, e mesmo lograron a retirada das sancións impostas a moitos estudantes, no seguinte ano viuse un incremento na represión. “As protestas desembocaron coa fulminación dun reitor, dun decano e dun gobernador civil, ademais dun cambio de ministerio. Remata cun reitorado moito máis represivo e na práctica nun estado de excepción en xaneiro do 69”. De calquera xeito, o 68 compostelán marcou un fito nas protestas e demostrou a capacidade de presión dos estudantes. Ao tempo, naqueles meses iniciaron a súa actividade política nomes que despois desenvolveron unha intensa carreira en Galicia nas máis diversas ideoloxías.
Agora a Fundación 10 de Marzo, en colaboración coas tres Universidades, as consellarías de Cultura e de Educación e mais da Obra Social Caixa Galicia recupera, a partir do 28 de febreiro, esta historia nunha exposición que se pode ver no Pazo de Fonseca de Santiago, sede precisamente da institución que viviu aquela revolta.

Universo culturagalega.gal

18/11/2009

Retrato dun país

Unha exposición documenta a Galicia dos anos vinte a través da ollada de Ruth Matilda Anderson

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
3 lugares identificados