Quen pasee pola praza de Valentín García Escudero de Pontevedra poderá ver un espazo arqueolóxico apuntalado con puntais e tapado con plástico. É o espazo da antiga ponte do Burgo, unha das testemuñas arqueolóxicas do auxe comercial e marítimo da cidade na Idade Media, e onde apareceron numerosos materiais arqueolóxicos. Agora, unha nova intervención promovida polo concello de Pontevedra busca consolidar os restos, realizar unha limpeza profunda da vexetación e recuperar os arcos a partir da incorporación de novas dovelas de granito que permitan "que funcionen por si mesmos". Segundo explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Alberto Oubiña, a execución da obra incluirá tamén unha escavación arqueolóxica na área xa existente e a instalación de diferentes elementos de sinalética e posta en valor. O importe total será de 263.274 euros.
