Danos na pintada. Fonte: Facebook de Celanova na Memoria
Na mañá do pasado 6 de marzo, un equipo da produtora Vaca Films borraba parcialmente unha pintada situada na fachada do Mosteiro de Celanova. A empresa estaba a preparar a rodaxe dunha serie para a plataforma Netflix e foi advertida pola veciñanza do valor histórico desta peza, pintada en 1933 por membros das Mocidades Galeguistas da localidade, entre os que se atopaban persoeiros como Celso Emilio Ferreiro e Pepe Velo.
A pintada, que rezaba "Adiante Semanario" anunciaba o lanzamento da publicación deste colectivo, e mantíñase desde a súa creación como un testemuño da memoria histórica da localidade. A acción da produtora, que afectou á lexibilidade da palabra "semanario", foi denunciada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova como un atentado contra o patrimonio local.
Vaca Films anunciaba este 9 de marzo que correrá cos gastos de restauración desta pintada, para o que xa entrou en contacto co Concello e o Arcebispado de Celanova. A restauración desenvolverase coa colaboración de profesionais da arqueoloxía que elaborarán un informe sobre a situación do elemento e proporá as medidas de restauración necesarias para devolver a pintada ao seu estado orixinal.
