As fronteiras libres da cultura

A concesión das medallas do CCG a Francisco Díaz Fierros e Kathleen March celebran os espazos de encontro da cultura coas ciencias e os países de fala inglesa

| Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaCiencia
Compartir:
Kathleen March e Francisco Díaz Fierros. Foto: CCG

Kathleen March e Francisco Díaz Fierros. Foto: CCG

“A ciencia tamén é cultura”, repetiu o catedrático emérito Francisco Díaz Fierros ao inicio da súa intervención, durante o acto de imposición das medallas do Consello da Cultura Galega. Parecería unha proclama dunha manifestación, pero ese obxectivo presidiu a súa longa vida profesional como científico especializado nos solos, como divulgador na Universidade de Santiago de Compostela, no restaurado Seminario de Estudos Galegos e no Consello da Cultura. “Estamos a ver como as realizacións da tecnociencia poden levar ao ser humano a ser parte dunha engranaxe ao servizo doutros intereses, pero pode haber unha ciencia distinta, dona do seu destino, pensada para aliviar as fatigas humanas, cultura e humana”, explicou Díaz Fierros, “A cultura e a ciencia deben estar arraigados nos saberes da terra e do pobo”. 

Nesta presidencia de Rosario Álvarez, o Consello da Cultura Galega concede estas medallas cada catro anos, ao final dos mandatos. Desta volta, canda Francisco Díaz Fierros, tamén o foi a profesora emérita da universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March, unha prestixiosa investigadora e tradutora que ten contribuído de xeito notable á difusión da literatura galega, tanto nos seus clásicos como nos autores contemporáneos. A ela se lle debe a creación da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reúne a investigadores sobre a lingua e a cultura de Galicia de universidades de todo o mundo.

 

March incorporouse aos proxectos do Consello da Cultura Galega coordinando Seara, a iniciativa de tradución de literatura galega ao inglés que a institución actualiza, por entregas, de xeito anual, e que permite acceder a textos esenciais de clásicos como Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole ou de autores contemporáneos como Xela Arias, Chus Pato, Emma Pedreira ou Luísa Villalta. A traxectoria de Francisco Díaz Fierros no CCG é tamén notable: incorporando ao primeiro plenario da institución no ano 1983, foi parte de diferentes órganos da entidade, coma o plenario ou diferentes comisións e proxectos ata o ano 2018. Na súa laudatio, Ramón Villares destacou implicación de Díaz Fierros na tradución ao galego do clásico As dúas culturas, de Charles Percy Snow, a máis coñecida peza do debate ao redor da necesidade de reconciliar o humanismo coas disciplinas máis técnicas ou propias da ciencia natural. Pero a traxectoria de Díaz Fierros foi moito máis dilatada. O propio homenaxeado destacou o Álbum da Ciencia, a colección de máis de trescentas biografías de científicos incorporada ao Álbum de Galicia da institución. 

 

“Anovar é a nosar”, enfatizou Ana Luna, a profesora da Universidade de Vigo responsable da laudatio de Kathleen March. Luna puxo en valor o papel dos tradutores que non só realizan versións mecánicas dos textos senón que se esforzan por comprender o universo cultural no que están producidos. “Kathleen March foi unha incansable difusora da literatura galega”, explicou Luna. Con humor, March destacou a súa sorpresa cando visitou Galicia por primeira vez nos anos 80, e a descuberta en Santiago de Compostela dunha lingua da que ata o momento ninguén lle falara. “Tiña pouco máis de vinte anos pero sempre quixen ser ponte”, explicou March, quen retratou a “frustración” de tentar dar a coñecer a nosa literatura en Norteamérica, onde ninguén a coñecía. “Tiven que loitar con colegas e xestores, pero busquei outros camiños”, explicou, “acudindo a congresos ou buscando outras vías para a tradución”. 

 

Agora Kathleen March, xa retirada, coordina ao equipo que anualmente decide que novos autores se levan ao público internacional desde Seara, no web do Consello da Cultura Galega. “Non é doado, porque tentamos buscar equilibrios, de xeneros, de estilos, e de tempos”, explica. O seu equipo combina angloparlantes de varios continentes con galegos nas deliberacións e escollas e xa a están a preparar a edición deste 2026. 

 

“Estas non son só medallas de recoñecemento dunha carreira ou da implicación co Consello”, advertiu con retranca Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, “levan implícita a implicación en máis proxectos”. De feito, tanto Díaz Fierros como Kathleen March xa aproveitaron os corredores para avanzar nos seguintes. Díaz Fierros vai contar como un petrucio debuxou astros na terra dunha palleira para tranquilizar os veciños e March xa está pensando como contar en inglés a prosa dunha lenda viva das nosas letras. En breve saberemos dos seus asuntos.  

Que che parece esta nova?
110 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito