Volven Agoraphobia con 'Kamikaze'

A banda publica o seu terceiro traballo longo tras seis anos desde o anterior

| Santiago/ S. Montes | Seccións: Música
Compartir:
Agoraphobia Foto: Aigiboga.com

Agoraphobia Foto: Aigiboga.com

No último semestre do ano 2019 a banda Agoraphobia presentaba o que era o seu segundo traballo de longa duración 'Unaligned' (Dotbeat, 2019) e apuntaba a un despegue cheo de potencia e proxección, o crise pandémica cortou ese impulso como tantos outros na cultura nese momento. Aínda así o grupo puido recoller en 2020 entre mascaras sanitarias e con medidas de seguridade o Premio Martín Códax a mellor proxecto de rock. Tras diso pouco máis se soubo delas que, agás algunhas participacións en festivais, non tiñan moita máis actividade visible. Pero o pasado ano 2025 a banda anunciou estar a preparar xa un novo traballo e sacou dous adiantos, os temas Eyes Never Lie e Fck You Tony. Dúas pezas explosivas que quitaron calquera dúbida sobre a continuidade da liña da banda. Agora xa está cara ao público o disco ao completo, Kamikaze (Dotbeat, 2026), unha resposta creada con pausa e coidado ás esixencias de inmediatez, consumo rápido e xeración constante de contido que dominan na industria musical.

Imaxe 1

'Kamikaze' chega con Iago Lorenzo, quinto membro desta formación, nos mandos da produción. Con liberdade creativa, sen presas, en 'Kamikaze' xúntanse a experiencia e a experimentación marcando o inicio dunha etapa para a formación. O álbum preséntase como un percorrido íntimo pola identidade, as emocións e a resistencia fronte ás correntes dominantes da sociedade actual. Ao longo das súas oito cancións explora o xeito en que nos construímos a partir do vivido: o amor, a ausencia, o erro, a presión externa e a necesidade constante de encaixar, ata o punto de arriscarse a perder a referencia de quen somos realmente.

 

 Os novos temas conseguen expandir o xa potente repertorio da banda e manteñen algúns dos sinais característicos das composicións de Agoraphobia, como as explosións de éxtase sonoro, os ritmos sincopados e os abruptos finais sen concesións, ademais do uso do inglés como vehículo de expresión. O paso do tempo parece terlle sentado magnificamente á voz de Susana que, con este disco dá un salto cualitativo enorme que xa se vía vir no segundo LP e entra directamente a poder ser considerada unha das mellores voces femininas (se non a mellor) do hard rock español do momento. Con este álbum a banda pode aspirar a reenganchar coa súa traxectoria con honestidade e personalidade propia. A primeira presentación en directo deste 'Kamikaze' xa tivo lugar no Inverfest (Madrid) e no Invernia Fest (Pontevedra). En Galicia traerán o seu directo o vindeiro 14 de marzo no Exporock de A Coruña, compartindo cartel con artistas como El Drogas, Ciclonautas ou M-Clan. Agárdase data de presentación en xira para poder velas despregar a súa potencia ante o seu público. 

Que che parece esta nova?
63 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Agoraphobia, Dotbeat, Rock, Crise...