Imaxe nocturna da catedral e da súa contorna. Fonte: Concello de Santiago
O Concello de Santiago daba a coñecer este 18 de febreiro o fallo do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral da capital galega. O estudio Intervento impúxose neste certame e levará un premio de 100.000 euros en metálico. A nova iluminación comezará cun proxecto piloto na Praza de Praterías dotado dun orzamento de 354.728 euros.
A proposta seleccionada achegou un deseño lumínico que posúe "claridade e integridade, e propón unha imaxe equilibrada da paisaxe nocturna evitando a homoxeneización da mesma mediante a xerarquización da iluminación, utilizando gradientes e contrastes que poñen en valor a arquitectura sen deformala", recolle o fallo. Ademais, segundo a acta, "o anteproxecto ofrece unha análise moi precisa da arquitectura e contorna urbana e histórica do ámbito de actuación". O xurado valorou ademais "o uso intelixente da penumbra e dos contrastes de claroscuros, non só na iluminación ornamental dos monumentos, senón tamén nos percorridos polo espazo público circundante, dotando de coherencia á solución presentada".
A resolución destaca ademais que o proxecto gañador conta cunha mínima intervención sobre o patrimonio, xa que evita instalar novas instalacións sobre as cubertas do templo. Deste xeito, a nova iluminación "garante a conservación dos valores culturais da catedral no seu conxunto, incluídas as cubertas".
Logo do proxecto piloto en Praterías a nova iluminación estenderase posteriormente ao resto do contorno do templo, a incluír as prazas do Obradoiro, Quintana e Inmaculada, así como os espazos de conexión entre elas. Na selección atendéronse criterios de calidade do deseño lumínico, técnicos, de protección ambiental, eficiencia enerxética e innovación tecnolóxica. Precisamente, a nivel ambiental, a nova iluminación aposta por evitar deslumbramentos e reducir a contaminación lumínica, a preservar a escuridade do firmamento e da paisaxe nocturna.
David Chipperfield, Teresa Táboas, Roger Narboni, Esther Torelló e Manuel Antonio Castiñeiras González conformaron o comité de selección do certame. O Concurso Internacional de Iluminación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago (PSTD), promovido polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, cun investimento total de 3 millóns de euros.




