'As liñas descontínuas' de Anxos Fazáns chega aos cines

Hoxe terá lugar a preestrea oficial con todo o equipo do filme presente na Coruña

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Imaxe do filme

Imaxe do filme

Os Cantones Cines na cidade da Coruña acolle esta tarde de xoves a premiere en salas do filme 'As liñas descontinuas', escrito e dirixido por Anxos Fazáns.  A película chegará ao circuíto comercial este venres 20 de febreiro pudendo verse en salas das catro provincias galegas. Á premiere de hoxe asistirá o equipo practicamente ao completo e tamén diversas personalidades do sector e do mundo cultural como The Rapants, o actor Xoán Fórneas, De Ninghures, ou as creadores de contido María Rúa, Blondiemuser, Nuria Grandío e Sara Seco, entre outras. 

Tras a súa estrea mundial na Sección Oficial da 29ª edición de Tallin Black Nights Festival, a película percorreu numerosos certames nacionais onde cultivou diferentes premios; no pasado Festival Internacional de Cinema de Xixón (FICX) obtivo o Premio «DAMA» ao Mellor Guion de Película Española e o Premio RAMBAL da Asociación asturiana XEGA. De cara aos vindeiros Premios Mestre Mateo a película acumula once candidaturas finalistas.

 

A segunda longametraxe de Fazáns é un drama intimista rodado integramente en galego, protagonizado por Mara Sánchez, que regresa ao mundo actoral tras uns anos apartada; e Adam Prieto, para o que Denís supón o seu primeiro papel na interpretación. No filme, Bea é unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís é un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade. 

 

 

Na súa primeira semana o filme exhibirase en cines como Cantones (A Coruña); Cines Tamberlick, Multicines Norte, Cine Yelmo (Vigo); Ponte Vella (Ourense); Cinexpo (Pontevedra); Cine Numax e Multicines Compostela (Santiago); Codex Cinema (Lugo); Duplex (Ferrol), e salas doutras localidades de España como Cines Broadway, ScreenBox Funatic, Malda, Pequeño Cine Estudio, Cinebaix, La Dehesa Ponferrada, Odeon, Multicines, Abc Elx, Abc Gandia, Abc Park ou Cines Gorbeia. 'As liñas descontinuas' é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). 

Que che parece esta nova?
99 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito