A Rede Galega de Teatros e Auditorios chegou en 2025 a cen mil espectadores

O Consello da Xunta aprobou o informe da súa evolución ao longo de trinta anos

| Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculosPolíticas Culturais
Compartir:
Momento de 'A metamorfose' de Sarabela Teatro

Momento de 'A metamorfose' de Sarabela Teatro

A Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia chega neste 2026 ao seu 30º aniversario como principal circuíto de distribución de espectáculos de carácter profesional do país. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou ao Consello da Xunta un informe das actividades e liñas de actuación da RGTA amosando a súa evolución ao longo destas tres décadas de funcionamento. O documento presentado hoxe na reunión do Consello recolle o incremento nos últimos anos do investimento executado neste circuíto a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, que medrou un 27,22 % entre 2019 e 2024 e que pechou 2025 destinando un orzamento de 994.190,63 euros. Tamén aumentou nese mesmo período o número total de espectadores, que pasou de 80.398 a 100.858 espectadores, o que supón un aumento do 25,45%. 

A actividade da Rede cofinánciase anualmente entre o Goberno galego e as entidades locais adheridas a través de convenios de colaboración, con achegas que ata 2025 foron de entre 13.000 e 62.000 euros por espazo, e que para 2026 eleva a contía mínima a 15.000 euros para os concellos de ata 12.000 habitantes. Ademais da carteleira artística, a Rede Galega de Teatros e Auditorios está a traballar xa nun proceso para adaptar a súa normativa ás novas realidades culturais e organizativas. Outros dos seus obxectivos a curto prazo son a incorporación de novos escenarios, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense.

 

Segundo detalla o informe, a RGTA comezou a súa andaina con nove espazos chegando ata os 46 escenarios actuais radicados en 43 concellos das catro provincias, que ofrecen hoxe en día de xeito normalizado artes escénicas e musicais, maioritariamente de produción galega. Os municipios nos que opera a Rede na actualidade suman un total de 1.611.425 habitantes, o que supón arredor do 60% da poboación galega. A súa primeira carteleira, desenvolvida nos últimos meses de 1996 e integrada por 11 compañías, foi o punto de partida dun crecemento rápido que incorporou axiña outros 30 concellos e consolidou o modelo xa nos seus primeiros anos de implantación. Hoxe en día constitúe un mercado determinante para a contratación e a exhibición estable das propostas producidas en Galicia e é unha plataforma preferente para as estreas de cada temporada. A actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancou o pasado 15 de xaneiro para compoñer un primeiro semestre de programación durante o que ofrecerán 307 funcións en 42 localidades a cargo de 102 compañías escénicas e grupos musicais. Para a programación deste primeiro semestre de 2026, conta coa suma de 1,29 M€ procedentes da Xunta e dos concellos, o que supón un 5,6% máis que no mesmo período de 2025. 

Que che parece esta nova?
111 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Rede Galega de Teatros e Auditorios, Xuventude, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura...