Dimitra Christodoulou e Carmen Villar
A nova sesión do ciclo poético Poetas Di(n)versos contará con dúas poetas de dúas latitudes e xeracións: a ateniense Dimitra Christodoulou, docente dunha longa traxectoria de publicación poética e pertencente á chamada Xeración dos 70 grega. Christodoulou comezou a publicar en 1974 e o seu último libro, Asentamento costeiro (2017) ganou o premio Jean Moréas ao mellor poemario publicado en Grecia ese ano. A súa contraparte galega será Carmen Villar Alonso (Zürich), que se considera "filla da emigración, neta da raia". Villar é xornalista do Faro de Vigo, e unha activa creadora de poesía e fotografía nas redes. O seu primeiro libro individual de poesía foi Os mil e un días (Xerais, 2023), aínda que como membro de colectivos poéticos e como creadora ten obra publicada en numerosas revistas e proxectos colectivos. O recital comezará hoxe luns ás 20 horas no centro sociaocultural Ágora da Coruña.
Poetas Di(n)versos está organizado por Yolanda Castaño na Coruña. O ciclo desenvólvese desde o ano 2009 a través deste formato de recital conxunto entre poetas internacionais e galegos.




