Na "movida coruñesa" do século pasado houbo formacións musicais que destacaron, incluso a nivel nacional, en diferentes estilos que ían desde o punk sen concesións ata o pop ou o rock máis experimental. Bandas como Radio Océano, Los Eskizos ou Viuda Gómez e Hijos axudaron a construír unha escena musical propia da cidade herculina e deixaron recordos que aínda ecoan. Alguns dos integrantes desas formacións históricas reuníronse de novo cun proxecto novo que xa presentaron en directo o pasado verán: Océano Eskizo. Agora, a través de Ferror Records veñen de publicar unha primeira gravación con catro temas: 'Demos no soto'.
O EP recolle catro temas gravados practicamente en directo no soto onde ensaian, contando coa produción de Héctor López de Castro, guitarrista de Black Panda, de Lucifixion Studios. Conforman esta banda Benny González Danz, Johnny Rotring (o xornalista Xosé Manuel Pereiro), Ricardo Saavedra, Luis Jarri e Pedro Granel integrantes dalgunhas desas históricas formacións e traen de volta os sons máis punk e tamén a mesma actitude, neste caso cunha actualización das letras nas que o letrista Johnny Rotring entra en temas de actualidade, no caso do tema "Vai preso Lucho Manllón", dedicado a Luigi Mangione, un estadounidense que asasinou o executivo dunha aseguradora médica, a letra é de Héctor López de Castro. Todos os temas musicais son de Océano Eskizo, salvo "Festas en Carballo", que usa música dos Dead Kennedys.



