Presentan en sociedade a Asociación Musical Costa da Morte

Nace co obxectivo de promover a música e as actividades culturais nesta zona de rica tradición musical

6/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Música
93 lecturas | Compartido 1 veces

O casino de Carballo acolle este sábado a presentación oficial da Asociación Musical Costa da Morte. Aínda que creada a mediados de 2024, a asociación foise articulando e sumando integrantes e é agora cando dan o paso de presentarse como primeira actividade. O acto servirá para presentar os plans iniciais de actividade da asociación, segundo os obxectivos recollidos nos seus estatutos. Haberá un coloquio aberto, intervencións de representantes e un pequeno encontro musical con actuacións en directo de varios membros da entidade. A asociación nace co obxectivo de promover a música e as actividades culturais na Costa da Morte, unha zona con rica tradición musical pero que ao seu ver precisa de maior coordinación entre bandas, solistas, agrupacións locais, e demais axentes relacionados co panorama musical da zona.

Arestora xa son varias as agrupacións musicais asociadas, dos máis diversos perfís musicais e xéneros, desde o rock Metal ata a música tradicional, pasando polas formacións de versións. Unha das funcións que terá esta asociación será buscar o patrocinio, apoio económico e/ou loxístico das distintas administracións, e todo tipo de axudas destas ou doutras entidades que poidan estar interesadas nas actividades que desenvolve esta asociación, para que a mesma poida dotarse de material e recursos que lle permitan: facilitar o camiño a novas formacións; crear eventos periódicos de relevancia, no que a parte de algunha banda de renome, participen os grupos que pertenzan á Asociación; así como contactar con músicos profesionais, mestres de música, técnicos de son, enxeñeiros de estudio de gravación, etc., para ofrecer charlas formativas ós membros da Asociación.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Morte, Costa da Morte, Carballo, Música Tradicional...