Sala do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Fonte: Museos de Galicia
O Diario Oficial de Galicia deste 5 de febreiro publicaba o decreto que regula a creación, modificación e disolución de centros museísticos en Galicia. Este texto legal, que desenvolve a Lei de Museos de 2021, regula dous tipos de centros museolóxicos no país. Así estes clasificaranse en Museos, caracterizados por contar cunha súa área de documentación, conservación e investigación, e mais "coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural".
Outra novidade destacada que achega este decreto é a creación dun distintivo identificativo que integrará todas as entidades do Sistema Galego de Centros Museísticos e facilitará a proxección social conxunta das mesmas. Ademais, o texto prevé a posta en marcha dun Rexistro Xeral para este tipo de espazos. Este instrumento achegará información sobre titularidade, contido temático e ámbito territorial de cada centro, unha descrición dos bens mobles e inmobles que o constitúen ou os horarios de visita, entre outras contidos.
O texto incorpora un apartado dedicado a medidas para facilitar o acceso universal aos bens culturais, a atender ao "grao de accesibilidade física, comunicativa, o aparcamento ou as iniciativas e actividades que fomenten a participación de colectivos en risco de exclusión cultural". Ademais, establece os procedementos para modificar os centros museísticos e para proceder á súa disolución.
O decreto pretende axilizar o proceso de cualificación dos centros mediante a tramitación electrónica, co que agarda unha maior integración de novas entidades no Sistema de Centros Museísticos. Para solicitar a súa integración, as entidades interesadas deberán achegar documentación que acredite ser responsable do centro, dispor do inmoble e un inventario completo dos fondos de custodia, ademais dunha proposta de plan museolóxico artellada nunha serie de apartados recollidos na propia orde do DOG.
Na actualidade este sistema inclúe 70 museos, 23 coleccións museográficas e 4 centros de interpretación do patrimonio cultural, tanto de carácter privado ou asociativos como dependentes de distintas administracións.
