O Museo de Pontevedra acolle ata o 5 de abril no Edificio Castelao a exposición San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada. Este proxecto expositivo xorde a partir da investigación que o profesor Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco coa súa tese doutoral, titulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente. Ao longo dos anos, o comisario e crítico continuou esa investigación sobre o eros e a imaxe de Sebastián que agora se amosa no Museo de Pontevedra.
A exposición amosa unha extensa representación de imaxes que van desde estampas de mestres gravadores do norte, cuxas pranchas máis antigas son do século XVI (e dos que posúen copias coleccionistas privados e algúns dos gabinetes de estampas dos grandes museos do mundo) ata un mostrario das derivadas da arte gráfica contemporánea que na actualidade seguen a revivir a iconografía e o mito de san Sebastián no ámbito da publicidade a través de portadas de libros, discos, portadas de revistas, carteis e mesmo serigrafías para camisetas. Acompaña a Buxán Bran no comisariado Natalia Fraguas, especialista en arte gráfica do propio Museo.



