O Consello da Xunta deste 2 de febreiro aprobaba o programa Lemos+, un plan de dinamización lectora na que o Goberno Galego prevé investir ata 2029 un total de 60 millóns de euros. Segundo sinala a Xunta "o papel das bibliotecas públicas, o ámbito formativo, o sector do libro, as accións de dinamización social e os instrumentos de participación" compoñen os principais eixes desta proposta.
Dentro das 115 medidas que comporán este programa, destaca a creación do Observatorio Galego da Lectura, "medidas de apoio a audiolibros en galego ou o fomento da adaptación de libros en lectura fácil", co obxectivo de "fomentar os hábitos de lectura impresa e dixital, especialmente en galego, co fin de que a porcentaxe de persoas que len libros por lecer, polo menos unha vez ao trimestre, chegue ao 75 %". Ademais, preténdese que a porcentaxe de persoas que len unha vez á semana ascenda ata o 65 % no período de actuación, e ata o 40 % no caso da poboación que le de xeito dixital.
Como eixes de actuación, o novo plan aposta en primeiro lugar pola dinamización lectora e a supresión de barreiras. Neste ámbito anuncia o desenvolvemento plans locais de lectura e a creación de redes de entidades locais lectoras. Como segunda liña de actuación, está fomentar a lectura desde as bibliotecas públicas. Así, o plan pretende potenciar a difusión das actividades nestes espazos ademais de "fomentar o seu papel como escaparate da produción editorial galega, incrementar os fondos galegos en formato físico e dixital, promover encontros con creadores ou elaborar guías de lectura" canda a melloras en servizos como a Furgoteca ou plataforma dixital GaliciaLe.
Os ámbitos formativos marcan o terceiro eixe desta estratexia, a incluír o impulso á creación de materiais en galego para a cativada e a organización de propostas coas familias. De cara ao sector do libro, prevense medidas dirixidas "a incrementar o número de traducións de obras doutras linguas ao galego, a convocar bolsas de creación para proxectos, ao impulso de programas de residencias ou á presenza de editoras nas feiras profesionais e mercados internacionais".
O último eixo presentado céntrase en "instrumentos de participación, análise, investigación e innovación do ecosistema do libro en Galicia que permiten dispoñer de datos regulares para coñecer as tendencias e designar así as accións futuras". É neste contexto que se creará o Observatorio da Lectura de Galicia como ferramenta de apoio ao labor do Consello Asesor do Libro.
Segundo o barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2025, o 65,9% de galegos e galegas len libros no seu tempo libre por ocio, co que a nosa é unha das comunidades nas que máis medrou este índice nos últimos cinco anos.