Os premios anuais da Fundación Cuatrogatos de libros iberoamericanos infantís e xuvenís recoñecen cada ano 20 obras publicadas no ano anterior en castelán. Este ano, na súa décimoterceira edición o xurado de profesionais designado pola entidade con sede en Miami ven de premiar tres obras editadas por editoriais galegas, unha delas é 'Doña Carmen', unha nova edición por cargo da editorial viguesa Triqueta do primeiro libro publicado por Manuel Bragado en 1989 coa editorial Ir Indo. A historia é unha adaptación feita polo escritor e editor dun relato de tradición oral. Entre os premiados están tamén os libros ' Divertimentos. Juegos poéticos' (Antonio Rubio) da pontevedresa Kalandraka Editora e 'Los niños guarros' (Nacho Rubio) de Pepa A Loba Editora. Os 20 libros seleccionados de entre 1395 publicacións son considerados os "sobresaíntes, de creadores iberoamericanos, publicados por editoriais de calquera país, atendendo aos seus valores literarios e visuais".
Ademais de outorgar os 20 recoñecementos, o xurado destaca 12 obras finalistas de entre as que tamén hai unha moi meritoria presenza dun autor e editorial do país. Trátase da tradución 'Los ecos del viento', de Antonio García Teijeiro, publicada por Kalandraka Editora con ilustracións de Noemí Villamuza. A maiores, a Fundación Cuatrogatos difunde un listado de ata 100 títulos recomendados, 3 dos cales son títulos de Kalandraka Editora e 2 de Triqueta Editora e fai un recoñecemento especial a cinco "meritorios rescates editoriais" de obras con certa antigüidade que as editoriais volven traer para os lectores de hoxe. Entre esa curta lista internacional de cinco rescates a fundación coloca dúas obras de edición galega: "Dos greguerías de luna" de Ramón Gómez de la Serna, editada por Kalandraka; "Tarde dominguera en un pueblo grande", ´de Federico García Lorca en la edición de la viguesa Triqueta Editora.

