As axudas á produción e coprodución audiovisual chegan aos 3,5 millóns de euros

A Agadic incrementa o orzamento desta liña en medio millón na nova convocatoria

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas CulturaisAudiovisual
Compartir:

O Diario Oficial de Galicia deste 28 de xaneiro recolle a orde pola que se convocan as subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos para 2026. A liña que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais medra por segunda convocatoria consecutiva e suma medio millón de euros, o que a consolida, con 3,5 millóns, como a máis importante no apoio a este sector.

Ao igual que en anteriores xeiras, o orzamento distribúese en catro anualidades, ata 2029. A convocatoria mantén tamén as tipoloxías de proxectos subvencionables, aínda que muda a distribución económica entre cada categoría. Deste xeito, as longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación contarán con 2 millóns de euros e absorben o incremento de fondos.

No ámbito dos documentais, as achegas suman 100.000 euros e fican en 560.000, mentres para as longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, mantéñense os 380.000 de 2025. Repiten tamén contía as curtametraxes, con 120.000, e son as series para televisión ou plataformas baixo demanda as que ven reducido o apoio en 100.000 euros e fican con 440.000 euros. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 2 de marzo.

Que che parece esta nova?
257 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Axencia Galega das Industrias Culturais, Animación, Documentais, Televisión de Galicia