Onte presentouse oficialmente no Teatro AFundación de Vigo a Fundación Ángeles Terrazo. Constituída en 2025 por iniciativa de Ángeles Terrazo, o seu propósito, recollido nos estatutos, é promover a arte literaria, a escritura e a lectura, fomentando a creación literaria, a difusión cultural e o acceso ao coñecemento. No mesmo acto deuse a coñecer a vindeira convocatoria do novo galardón literario anual Premio Ángeles Terrazo de Novela, que nace co obxectivo de estimular a excelencia literaria e dar visibilidade a novas voces dentro da narrativa contemporánea, consolidando o compromiso da Fundación coa promoción da literatura.
Segundo se avanzou onte, o certame terá a maior dotación actual dun certame literario en Galicia, con 20.000 euros de premio único. Nesta primeira convocatoria do premio poderán concorrer autores maiores de idade, con obras orixinais inéditas escritas en castelán ou galego, cunha extensión de entre 200.000 e 400.000 caracteres. Malia non estar aínda publicadas as bases xa se coñece que a recepción de orixinais finalizará o 30 de xullo de 2026 e obra gañadora será editada en galego e castelán, con 300 exemplares en cada idioma. O xurado desta primeira edición estará conformado por Darío Villanueva, José Manuel Otero Lastres, Bieito Rubido, Arantza Portabales e Adolfo Domínguez.

