Nace a Compañía Teatral Galega de Bos Aires

Conta co apoio da Deputación da Coruña e estrearase con 'O Heroe' de Manuel Rivas

12/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculos
55 lecturas | Compartido 0 veces

Manuel Rivas Foto: Anna Serrano Fonte: Edicións Xerais

A Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina veñen de asinar un convenio para apoiar a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, que levará por vez primeira á escena en Arxentina a obra teatral 'O Heroe', de Manuel Rivas. A institución provincial achegará 42.352 euros, o que representa o 80% do orzamento total do proxecto, co obxectivo de fomentar a cultura galega, a difusión da lingua e reforzar os lazos coa comunidade galega en América.
A iniciativa de crear unha compañía teatral galega en Bos Aires é un acto de reivindicación cultural e de memoria histórica, retomando o legado de figuras como Castelao, Varela Buxán, Maruxa Villanueva, María Casares ou Pepa Goldar para difundir a lingua e a cultura entre a comunidade galega e o público xeral. 'O Heroe' é a primeira peza teatral de Rivas, que cedeu á entidade os dereitos para a súa representación. A obra ofrece unha profunda reflexión sobre a guerra e o concepto de heroísmo, contextualizada no marco histórico da guerra de Sidi Ifni, un conflito pouco recoñecido oficialmente durante o franquismo. O proxecto propón transformar a peza orixinal nun espectáculo musical, con música orixinal composta polos músicos da compañía e interpretada en directo pola OFAG (Orquestra da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina). Ao longo dos meses previos á estrea, prevista para este 2026, está prevista unha intensa campaña de promoción en medios de comunicación, con roldas de prensa e actividades de difusión da cultura galega. O espectáculo abrirase ao público nun teatro do circuíto porteño aínda non comunicado. Está previsto que asistan á estrea o autor da obra, Manuel Rivas, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Universo culturagalega.gal