A Cátedra Rosalía de Castro dará a coñecer novos detalles da vida da poeta

A I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro celébrase o 11 de decembro en Santiago

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acolle este 11 de decembro a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro. No encontro diferentes especialistas en estudos rosalianos achegarán datos inéditos e novas perspectivas sobre a vida da poeta, en particular da súa estadía en Madrid. A Cátedra Rosalía de Castro coordina o encontro.

Neste sentido, o programa inclúe un relatorio sobre Luis Miguel Fernández a relación da poeta cos Lugin Castro na capital española, a achegar novos datos sobre esta etapa da súa biografía. Xurxo Martínez, á súa vez, afondará na historia do mausoleo de Rosalía, e Miguel Anxo Seixas analizará o perfil da autora como anfitrioa literaria en Madrid.

A sesión da tarde do encontro centrarase en analizar o arquivo rosaliano da falecida María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Composto por preto de 500 volumes, cadernos de investigación, materiais inéditos e documentos este legado, que custodia a Universidade de Santiago, constitúe un dos recursos documentais máis relevantes para a investigación rosaliana nas últimas décadas.

No encontro, o profesor Xesús Alonso Montero, viúvo de Ruiz de Ojeda, fará unha análise bibliográfica deste material, a achegar orientacións para futuros estudos sobre o mesmo.