Sés presenta un novo traballo en formato disco-libro

A cantora publica hoxe'Nadando na incerteza' e un "letrario" da súa traxectoria

A cantora publica hoxe'Nadando na incerteza' e un
Hoxe ve a luz un duplo traballo de María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como Sés: o libro disco 'Nadando na incerteza' (Autoedición), e o "letrario" 'Mentres quede corazón' que recolle toda a obra lírica dunha década e media de creación musical. O novo libro disco preséntase como un traballo en que a canción se sitúa no centro absoluto, sen sobreproducións nin artificios, nun exercicio de artesanía e autenticidade que reivindica a súa condición de cantora e facedora de cancións. . O disco, composto por 13 cancións orixinais, caracterízase pola tendencia á sinxeleza instrumental, as voces que respiran con peso e temas concibidos para sosterse por si mesmos, coa palabra e a melodía como eixos arredor dos que todo xira. O tema que dá título ao álbum, 'Nadando na incerteza', foi o primeiro que avanzou o pasado 17 de outubro. Sés asume diversas facetas do proceso creativo: compón, interpreta, produce, grava e supervisa cada detalle. Unha autosuficiencia creativa, que xa forma para do seu xeito de facer as cousas nunha carreira que ten xa catorce anos e nove disco publicados.

De forma paralela ao novo disco, Sés presenta o "letrario" (así o denomina a comunicación oficial) 'Mentres quede corazón', unha recompilación que abrangue toda a súa produción lírica e que se converte nun valioso documento da evolución dunha das voces máis persoais da música galega contemporánea. Este volume non só complementa o novo traballo discográfico, ofrece tamén unha perspectiva integral da súa obra, permitindo introducirse na profundidade e sinceridade das súas letras, que van do íntimo ao universal, do persoal ao colectivo. A presentación simultánea de ambos os dous proxectos reforza a mensaxe de Sés como creadora integral e marca un fito e unha etapa na súa carreira, ofrecendo tanto unha nova proposta musical como unha retrospectiva completa do seu legado lírico nun momento de plena madurez artística. Dende 2011, esta cantora coruñesa desenvolveu unha sonoridade singular que bebe de múltiples influencias —rock, blues, folk, canción de autor e tradicións musicais galegas e latinoamericanas— para crear un universo sonoro propio e unha voz recoñecible. A artista iniciará a xira deste novo traballo no teatro Colón da Coruña o vindeiro 10 de xaneiro. Xa hai datas para oncertos en Vigo, Lugo, Ourense e Narón. A parte musical do traballo xa está dispoñible nas plataformas dixitais.