A USC abre o Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias

Con máis de 60 membros adscritos, o centro investigará as relacións entre lingua e literatura

Un espazo dedicado a analizar o continuo entre lingua e literatura. Así se define o Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (iLTIUS) que se presentaba ao público este 7 de outubro na Universidade de Santiago de Compostela. María José Alonso Veloso dirixe este novo centro de investigación que conta xa con máis de 60 membros.

Segundo explicaba a coordinadora, como principal obxectivo do centro está analizar "o complexo contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas e os seus textos, orais e escritos, como patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que reafirme a súa propia identidade, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado".

En particular o traballo que se desenvolva atenderás as variedades lingüísticas e manifestacións literarias derivadas da expansión xeográfica do español, do inglés e do portugués, "así como a súa convivencia e interacción con linguas e culturas minorizadas como a galega", completaba Alonso. Linguaxe e cognición, competencia lingüística e comunicativa, patrimonio literario, tecnoloxías e diversidade preséntanse como os 5 eixes de actividade que prevé desenvolver novo centro.

O iLTIUS congrega persoal investigador que acumula máis de 30 proxectos do Plan Nacional, 2 europeos e 17 autonómicos entre 2019 e 2024, ademais de 14 axudas doutros organismos, cun orzamento de 2 millóns de euros só entre 2021 e 2023. A directora puxo en valor as case 3.000 publicacións e 130 teses doutorais dirixidas por ese mesmo persoal como mostras da solvencia coa que contará o espazo.