Blanca Millán gaña o 1º Premio ao Libro Informativo para a Rapazada

Este novo certame convocado por GÁLIX premia proxectos de textos informativos en galego

Este novo certame convocado por GÁLIX premia proxectos de textos informativos en galego
A convocatoria inaugural do Premio ao Libro Informativo para a Rapazada ven de pecharse coa designación do proxecto gañador. ' Ferramentas básicas para ser artista' é o título do proxecto vencedor, asinado por Blanca Millán (Touro, 1991), que convenceu ao xurado na súa deliberación. O galardón supón un premio en metálico de 1.500 euros. Sobre a obra premiada, o xurado destaca a destreza na composición das páxinas e na claridade das ilustracións que se complementan con textos de rigor científico e o dinamismo das personaxes que van guiando, de xeito sinxelo, ao lectorado ao que vai dirixido. Este certame de nova creación quere premiar e promover proxectos de libro informativo para lectorado infantil e xuvenil, respondendo ás necesidades expresadas dende a mediación e a docencia para cubrir unha grave carencia de textos informativos de calidade feitos en Galicia e en galego, segundo a entidade convocante, a asociación galega do libro infantil e xuvenil, GÁLIX.

Segundo as bases do certame, unha vez fallado o premio, o proxecto deberá estar rematado nun prazo máximo de seis meses a contar dende o devandito fallo. Unha vez rematado o proxecto, farase a entrega do premio en metálico. O proxecto premiado incorporarase á páxina web de GÁLIX fundamentalmente para información de axencias literarias e editoriais interesadas na súa posible publicación. Ademais do libro premiado o xurado designou como finalista, previamente, o texto 'Diálogo sobre as artes'. As base do certame explican que como libro informativo para a rapazada enténdese aquel libro de non ficción que presenta datos ou feitos de calquera área do coñecemento científico. A obra debe ter calidade literaria e rigor científico. Formaron parte do xurado: María Montes Sueiro, María Solar Núñez, Pilar Sampedro Martínez, Luísa Martínez Lorenzo e Susana Seoane Dovigo.