Volven a 'Mover os Marcos' entre xeracións

O festival de cultura crítica celebra en Santiago a súa segunda edición

Diferentes espazos da capital galega acollerán, do 1 ao 4 de outubro, unha nova edición do festival de cultura crítica 'Mover os Marcos', con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social nun encontro interxeracional. A situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas destas xornadas de encontro xeracional. A oferta complementarase con propostas culturais que inclúen break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas emerxentes. Nacido o pasado ano 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes, 'Mover os Marcos' presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema "Festival para unha vida mellor", esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan á mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop.

Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio da Facultade de Xornalismo converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa 'Proxectos para vivir en galego', que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O 2 de outubro será a quenda de 'Medio e ecoloxía: coidar do noso', cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con 'Vivir na Galiza dos anos 20', unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).

A Igrexa da Universidade, acollerá os concertos falados desta edición. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo. O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas na rúan Galeras. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos comoa Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisma, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ.