A Estrada homenaxea a Manuel Reimóndez Portela cunha exposición

Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel inicia o proxecto A Estrada Mostra

Estatua a Reimóndez Portela. Fonte: Wikimedia Commons. L. Miguel Bugallo S.
Estatua a Reimóndez Portela. Fonte: Wikimedia Commons. L. Miguel Bugallo S.
A Casa das Letras da Estrada acollía, este 24 de setembro, a inauguración da exposición Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel. O Concello homenaxea con este proxecto a quen fora o seu veciño, alcalde, médico rural e investigador de cuestións históricas, arte e tradicións locais que ademais promoveu a creación do Museo do Pobo Estradense.

O proxecto, comisariado por Chus Fernández Bascuas, e producido pola Editorial Galaxia, inclúe diferentes paneis que explican a traxectoria vital e fitos relevantes do traballo de Reimóndez. Canda a isto, poden verse obxectos persoais do protagonista.

A proposta fai parte da iniciativa A Estrada Mostra, que ao longo do outono de 2025 achega tres exposicións ao concello arredor de tres nomes da cultura do país. Deste xeito, o vindeiro 30 de novembro abrirá, na mesma Casa das Letras, Avelina Valladares. Vida e obra, mentres que o 18 de decembro chegará a vila Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza.