
Ademais do premio a Guzmán, o OUFF entregará outros recoñecementos a figuras clave do audiovisual con tres premios que reflicten talento, traxectoria e visión creativa. O Premio Chano Piñeiro, creado en 2021 para destacar a figuras de Galicia vencelladas co audiovisual, será concedido a José Manuel Cancela, compositor de cine e televisión con cinco premios Emmy no seu haber, afincado en Los Ángeles pero que mantén un estreito vínculo con Galicia. Pola súa banda, a Fundación AISGE concede este ano o seu Premio Honorífico a Charo Pena, actriz e directora de dobraxe que deu voz a lendas como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon. O festival tamén entregará o Premio á Mellor Ópera Prima española a Avelina Prat, arquitecta reconvertida en cineasta, pola súa película 'Una quinta portuguesa'.
A presenza da ollada galega e local
Na súa esencia de reinventarse, o OUFF presenta este ano Colleita, unha sección renovada que recolle os froitos cinematográficos de cineastas que mantiveron unha relación especial co certame. Baixo este novo nome, Colleita convértese nun ciclo de catro películas que aínda non foron estreadas en Ourense, e que representan o talento e a diversidade de miradas de autores e autoras vinculados ao festival: 'Amores Brujos', de Lucía Álvarez; El cuento del lobo, de Norberto López Amado; Mr. Nadie, de Miguel Ángel C. Buttini; La sombra del Ombú, de Patxi Bisquert.
A nova sección Made in OU traerá ao certame ata nove traballos de creadores ourensáns amateurs ou profesionais ou feitos na provincia. Entre as obras seleccionadas hai documentais, curtametraxes de ficción e pezas de animación, varias delas con estrea no festival. Os traballos poderán verse en tres pases no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nunha sesión especial no Cineclube Padre Feijoo. O Entroido da provincia será protagonista de varios dos traballos seleccionados, pero tamén falarán das raíces e da memoria colectiva, entre outros temas. As obras seleccionadas para Made in OU son: 'El olvido', de Lucía Álvarez; Nuno, de Antía Iglesias (animación); 'O segredo do fulión', de Pepelu Viñas e Aimar Vega; 'A Penagache', de Marcos Seijo; 'O Entroido en Camba', de Laura Prieto Álvarez; 'Quen nos salva?', de Alberto Estévez Sánchez; 'Paula, con P de Reme', de Isabel Salgado; Udra, de Charles Alexander; 'Luz das Ánimas', de Sergio Santos Otero.
Seccións oficiais
A Sección Oficial Panorama Galicia ofrece dez longametraxes en competición, todos od sistema audiovisual galego. Entre as obras que estarán en Ourense destaca 'Mi Ilustrísimo Amigo', de Paula Cons, que terá a súa estrea en Galicia dentro do marco do festival, e que acaba de ser premiada como mellor película no Berlin Women Cinema Festival. Tamén cabe salientar a presenza de Ariel, a última obra do recoñecido cineasta galego Lois Patiño. A sección contará coa participación de varios directores ourensáns que achegan as súas visións singulares do cinema contemporáneo, como Iván Castiñeiras, que presentará 'Deuses de Pedra', película galardoada en certames como Documenta Madrid, Play-Doc e IndieLisboa; e Paula Veleiro, que competirá con 'Te separas mucho', recoñecida co Premio AMAE á Mellor Montaxe dun filme español no Festival de Cine de Gijón. Fóra de concurso proxectarase 'Filmei paxaros voando', longametraxe da directora ourensá Zeltia Outeiriño, Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental na pasada edición. Completarán a selección outros títulos que poñen en valor o talento e a diversidade da creación galega actual, configurando unha mostra sólida e representativa da escena cinematográfica local.
Na Sección Oficial Internacional desta 30 edición todas as películas son estreas en Galicia, tres delas estreas estatais, unha internacional e a premiere mundial de 'Extranjera' de Michelle Malley, unha coprodución entre Porto Rico e Taiwán, da que virá o seu equipo case ó completo a Ourense, segundo anunciaron. O festival seleccionou títulos de gran relevancia como 'Un simple accidente', de Jafar Pahani, un filme procedente de Irán e recente gañador da Palma de Ouro en Cannes 2025, ou Entroncamento, de Pedro Cabeleira, unha película de orixe portugués, que terá a súa estrea estatal no certame ourensán. A selección ampliase con outros títulos de gran relevancia no panorama cinematográfico internacional como 'Vida Privada', con Jodie Foster, que non se estrean ata final de ano, e outras que non se poderán ver nos cines ata 2026.
Na Sección Oficial Curtametraxes presentarase un total de 22 obras, seleccionadas de entre as máis de 950 recibidas de varios países. As curtametraxes galegas representan arredor dun 30% do total das producións. A programación está organizada en tres bloques, cada un de aproximadamente 90 minutos, que inclúen unha mestura de curtametraxes galegas, españolas e internacionais, cunha notable diversidade temática e un especial énfase nas cuestións sociais. As curtametraxes de produción galega competirán polo premio á Mellor Curtametraxe na sección Panorama Galicia, mentres que as internacionais optarán ao galardón de Mellor Curtametraxe na Sección Oficial Internacional.