A vida de Ramiro Isla Couto incorpórase ao Álbum de Galicia

O proxecto do Consello da Cultura Galega dá conta da biografía deste empresario galeguista

Como "peleriño do galeguismo polo mundo galego" definía Ramón Piñeiro a Ramiro Isla Couto. A vida deste empresario, marcada polo compromiso galeguista, chega ao Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega nunha entrada biográfica asinada polo historiador Xosé Luís Pastoriza.

Figura pouco coñecida do galeguismo do século XX, Ramiro Isla participou de fitos da nosa cultura como a primeira revista monolingüe en galego alén mar, Terra. Durante a Guerra Civil, tivo un papel fundamental no apoio ao exilio galeguista cara a México e Chile. Tamén participou na creación da empresa química Zeltia, e traballou, canda a Lois Tobío, nos Laboratorios Roche.

Desde o exilio americano continuou a suá actividade coa creación do grupo e revista Saudade e participou da publicación de obras como o Cancioneiro da loita galegta. Tamén liderou o Ateneo Gallego de Venezuela e fixo parte das actividades da Editorial Galaxia, coa que continuou a colaborar ao seu retorno ao país.

Colaboracións coa Fundación Penzol e a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) marcaron a actividade dos seus últimos anos. A súa traxectoria valeulle recibir en 1986 a Medalla Castelao. Faleceu en Vigo en 1987, mesmo ano no que nacía a Fundación Isla Couto da man dos seus irmáns Celso, Manolo e Xaime, canda á dona deste último, Cristina Nóvoa.