Morre a historiadora Blanca García Fernández-Albalat

Era especialista na relixión da Gallaecia antiga

Blanca García Fernández-Albalat. Foto: Academia Galega da Língua Portuguesa
Blanca García Fernández-Albalat. Foto: Academia Galega da Língua Portuguesa
O pasado 30 de agosto morreu Blanca García Fernández-Albalat, doutora en Historia Antiga pola USC, investigadora e profesora en diferentes universidades galegas e portuguesas. Fernández-Albalat foi unha figura destacada na investigación sobre a interpretación das culturas do noroeste ibérico durante a prehistoria e a época romana, especialmente no ámbito da guerra, da relixión, das divinidades relixiosas e dos rituais. A lectura da súa tese en 1989, editada posteriormente co título de Guerra y religión en la Gallaecia y Lusitania Antiguas (Ediciós do Castro, 1990) supuxo un punto de xiro na interpretación da cultura da Idade do Ferro en Galicia, que nos 80 tomara un xiro moi crítico co celtismo tradicional que se asociaba coa prehistoria galega desde o Rexudimento. Botando man das comparativas co marco cultural céltico e indoeuropeo, Fernández-Albalat situou o ámbito das relixións da Idade do Ferro nun marco cultural asociado á Europa Atlántica. Fernández-Albalat indagou ao redor da soberanía feminina céltica e as pegadas do seu culto no Oeste peninsular, sobre deusas como Nabia ou sobre as divinidades das augas na Gallaecia antiga.