Santificarás as festas: O panteón da troula (II)

A creación de santos da música tradicional, na universidade ou nas redes revelan as transformacións que está a sofrer da sociedade galega

A creación de santos da música tradicional, na universidade ou nas redes revelan as transformacións que está a sofrer da sociedade galega
Santa Ferreña, San Peneco e San Perillote
A aposta pola creación de santos propios amosan en boa medida as mudanzas sociais da nosa sociedade. Dentro dos que naceron como imaxe de diferentes festas populares, atópase como un claro subgrupo aqueles que se vencellan á música tradicional. Canda a estes, non faltan casos de figuras veneradas desde hai anos pola comunidade universitaria, e mesmo propostas nadas nas redes, que fan parte do panteón da troula.

As agrupacións de música popular están detrás de moitos dos nomes de padróns e padroas que inspiran festas profanas en Galicia. Esteas formacións pretenden a miúdo recrear as romarías orixinais nos que se desenvolvía o canto e o baile na sociedade tradicional. Deste xeito, Santa Ferreña, Santa Palleta ou San Perillote preséntanse como avogados
destas formas de cultura, e motivan festas nas que todo o protagonismo está posto na música, que deixa de ser un acompañamento na romaría dedicada a un santo concreto e se sitúa en primeiro plano. Segundo apunta sobre este fenómeno Chus Caramés, unha das promotoras da Santa Ferreña, "imaxino que algo terá que ver con que as festas nas que nos criamos estas xeracións son en honra a algunha santidade. Creo que non atopas un/ha músicx no país que non tivese tocado algunha vez nunha procesión", explica. Desde o Santo Torrisco de Lalín, á súa vez, Anxo García apunta que a aposta por este tipo de escenificacións inscríbese "un pouco na cultura da risa que parodia os ritos católicos, como sempre se fixo" e que aínda hoxe a vitalidade desta práctica "vén da cultura católica na que todos participamos".

Non cabe esquecer que o feito de inventar un santo para a troula ten tamén a vantaxe de que permite obviar o calendario oficial de onomásticas e escoller o momento no que facer a celebración. Na listaxe que elaboramos, pódese comprobar como hai varios casos de santos de inverno, que facilitan desestacionalizar as celebracións e achegar este tipo de cultos a datas nas que non abundan as festas populares. Deste xeito, canda ao xa comentado San Cunqueiro, no Entroido atopamos tamén as figuras do Santo Torrisco ou de Frei Canedo.

O xeito no que as mudanzas sociais levan a crear novos santos queda tamén en evidencia no caso do santoral universitario. O San Teleco, que naceu como patrón oficioso da Enxeñaría de Telecomunicacións, o a Santa Katabirra, que adaptou a patroa de Ciencias Sociais e da Comunicación, amosan tamén a procura de referentes festeiros para oficios recentes e a priori non recollidos no santoral oficial. Entre os santos deste tipo máis recentes, existen tamén propostas desterritorializadas e nadas desde a rede como é o San Quevin proposto polo blogueiro Snob Megalove ou iniciativas que se apropian da imaxinería do culto popular con fins reivindicativos e artísticos, como é o caso da Romaría do Jeremías. Sen dúbida, nos vindeiros anos imos ver novas manifestacións destes cultos laicos, que adaptan e manteñen formas tradicionais de celebrar as festas.

Santa Ferreña
Nada en 2003, na terceira edición dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, Santa Ferreña é sen dúbida a santa da troula que con cun ritual máis elaborado. Feita santa por "aclamación popular", segundo sinalan desde a organización desta romaría, a imaxe de Ferreña conta cunha pandeireta e un pano na cabeza rematado cunha aureola feita coa tapa dunha lata, material habitual na fabricación das pezas das pandeiretas que lle dan nome. A súa romaría, celebrada no marco dos Encontros, desenvólvese cada primeiro sábado de xuño cunha nutrida participación de persoas afeccionadas á música tradicional. Os rituais que honran a esta santa inclúen a poxa por levar as andas, a procesión ao son do Himno do Antigo Reino de Galicia, con billetes (durante varios anos impresos pola propia organización) e ofrendas colgadas da imaxe, a danza do burro (con fitas), xigantes "papamoscas" con boca móbil, unha coca, a cerimonia con oración cantada e mesmo estampiñas específicas. Ademais, Ferreña conta coa peculiaridade de ser a única dos santos da troula que se celebra nunha igrexa, a do mosteiro de Carboeiro. Co lema "Viva a xuventude e a xente vella que non morra!" o eixe da festa é unha grande foliada que se desenvolve ao longo de toda a noite. Segundo apunta a organización do encontro, "a esta Santa atribúenselle innumerables milagres e curacións valéndose da sabedoría popular de tradición oral". A lenda sobre como a intercesión de Ferreña fixo bailar un burro para espantar o dragón que aterraba a comarca é só un deles. A estas propostas súmase cada ano bisesto a celebración do "Clamor", encontro co veciño Santo Torrisco de Siracusa, de Lalín, que remeda outros encontros de santos sancionados pola Igrexa.
Cando se celebra: Primeira fin de semana de xuño
Onde : Carboeiro (Silleda)

Estampiña da Santa Ferreña. Fonte: Encontros de música tradicional de Carboeiro
Estampiña da Santa Ferreña. Fonte: Encontros de música tradicional de Carboeiro


Santiagho Peneco
O Santiagho Peneco (renomeado San Peneco na edición de 2025), patrón da República Independente de Xistralia, naceu en Alemaña. O grupo Xistra de Coruxo visitou en 1998 a a rexión Suabia para representar unha danza de espadas que se desenvolve en Vilagarcía na honra do Apóstolo, e como complemento encargáronlle ao artesán e escenógrafo Pastor Xiráldez unha imaxe do santo para levar. Segundo lembra Xerardo F. Santomé, "na viaxe de volta quitamos o recheo que tiña o caixón onde se gardaba a figura e enchémolo de cervexas. Cando o abrimos vimos que algunha rebentara e que o santo estaba bañado en alcohol, e alguén dixo 'o Santiago está peneco'. E quedoulle o nome". Arredor da imaxe, o colectivo decidiu armar unha romaría pensada para reunir o alumnado das diferentes asociacións e entidades nas que oferta cursos de música e danza tradicional nos arredores de Vigo. Cada ano, un destes colectivos é o responsable de custodiar a imaxe, á que se lle engadiu un nariz vermello a simular a súa embriaguez, e de escoller o lugar onde se celebrará a seguinte romaría. "Ao comezo tamén tiña a obriga de pór vinte litros de viño, pero esta encomenda eliminámola porque o viño era moi malo", lembra Santomé. O domingo posterior ao San Xoán é a data escollida para conmemorar este santo, nunha festa na que "cantamos, comemos o que leva cadaquén e facemos xogos tradicionais". Unha procesión, como non, fai parte desta efeméride, coa peculiaridade de que "o santo vai boca abaixo, e baila. Tocámoslle rumbas e ás veces váisenos da mans e hai que o reparar a miúdo", lembran desde Xistra. Ademais, existen xa dúas confrarías dedicadas a esta figura, nadas no seo de diferentes asociacións implicadas no proxecto que fixeron camisetas conmemorativas. Unha curiosidade do Peneco é que conta con milagres no seu haber. "Contamos tres. Cando alguén non pode vir á romaría cravámoslle unha foto da persoa. Un ano foi un que tiña cancro e librou da enfermidade. Doutra volta era outro con depresión, e na terceira un que tiña unha oposición e que aprobou".

Cando se celebra: Primeiro domingo despois do San Xoán
Onde: República de Xistralia (Sur da provincia de Pontevedra e Alto Minho portugués)

Santiagho Peneco. Fonte: Xistra de Coruxo
Santiagho Peneco. Fonte: Xistra de Coruxo


San Perillote
Unha das incorporacións máis recentes ao panteón da troula foi San Perillote, que celebrou en xaneiro desde 2025 a súa primeira romaría. A Asociación A Carrabouxa de Lucí (Teo) acolle no seu local o santuario desta figura. Segundo sinala a entidade "o San Perillote naceu como parte da idea de organizar unha foliada anual, inspirada nunha romaría dos anos 70 en Galicia. Como todas as romarías adoitan estar dedicadas a un santo, pareceunos simbólico crear o noso propio santo, aínda que sexa imaxinario". A data da celebración é o terceiro sábado de xaneiro, que dá nome á coñecida como Romaría do 3. "O nome vén desa data, xogando co feito de que noutras localidades da contorna hai tradicións vencelladas a días concretos, como a Feira do 21 en Lestedo ou o Pico do 3 de xaneiro". O San Perillote preséntase como "patrón das foliadas, avogoso de foliadeiros/as. A súa imaxe inclúe elementos como as rosquillas, unha pandeireta, unha gaita e unha damaxoana aos pés", aos que se suman unhas andas procesionais conformadas por unha caixa de cervexa. Para alén da procesión, o culto inclúe unha oración propia e "unha poxa de produtos abenzoados polo santo".

Cando se celebra: Terceiro sábado de xaneiro
Onde: Lucí (Teo)

San Perillote. Fonte: Asociación A Carrabouxa
San Perillote. Fonte: Asociación A Carrabouxa


Santa Palleta
Cunha ampla tradición, aínda que na actualidade sen seguimento, Santa Palleta foi unha importante celebración na localidade das Pontes, que concentraba os diferentes grupos de música tradicional da zona. A imaxe, unha escultura antropomorfa artellada a partir de roncóns e outros elementos das gaitas, protagonizou cando menos oito celebracións ata 2020. A celebración servía para fechar a temporada das foliadas locais e chegou a reunir unha vintena de grupos, ademais ter protagonizado un encontro co San Pipote de Bardaos.

Cando se celebra: Suspendido
Onde: As Pontes

Procesión da Santa Palleta. Fonte: Facebook da Santa Palleta
Procesión da Santa Palleta. Fonte: Facebook da Santa Palleta


Santo Torrisco de Siracusa
O Santo Torrisco de Siracusa apareceu en Lalín en 1990 ao abeiro do Vermú de Señoritas que se celebra cada Entroido na cidade. Segundo lembra Anxo García, promotor da figura, o santo naceu "no seo da Asociación Cultural o Naranxo, nun momento no que o Entroido de Lalín estaba moi activo. Por lle engadir cousas, pensamos na celebración dun santo paródico. Daquela falábase moito do colesterol e do ácido úrico, e parecíanos simpático reivindicar os torresmos, que estaban prohibidos para estes casos. Un rapaz chamáballe torriscos a este prato e aí lle quedou o nome, ao que lle engadimos o de Siracusa por lle dar unha procedencia, como a outros santos".

Desde o segundo ano a figura conta con historia propia. Condenado a morrer na fogueira en Lalín polo cónsul romano Panem Accuae, o santo fixérase coñecido por conseguir alimentar toda a cidade de Siracusa a base de ir tirando liscos dun anaco de touciño que atopou nunha alacena. "A partir dese ano fíxose a figura en cartón a partir dun deseño de Quim Farinha. Puxémoslle zapatillas, gafas e unha espada da que se pendura un torresmo cada ano". O sábado de Entroido sae polos bares que se suman á celebración e poñen como tapa do día o alimento que lle dá nome. Para alén do Entroido, Torrisco é tamén un dos santos da música tradicional, xa que se declarou patrón dos gaiteiros, que acompañan a procesión. Na mesma lense as coplas correspondentes á festa de cada ano, ademais de entoar a oración propia do santo.

Cando se celebra: Sábado de Entroido
Onde: Lalín

Santo Torrisco de Siracusa. Fonte: Blog <i>Ao pé do farelo</i>
Santo Torrisco de Siracusa. Fonte: Blog Ao pé do farelo


Frei Canedo
Esta figura naceu en 2003 ·entre un grupo de amigos que deciden xuntarse para celebrar o Entroido e crean a asociación cultural Frei Canedo da Ponte e a figura de Frei Canedo. A celebración principal é durante o Entroido de xoves de comadres a martes de Entroido, pero nos últimos anos tamén apostamos por un Entroido de Verán no mes de xuño", lembran desde a entidade que custodia esta celebración, no barrio ourensán da Ponte de Canedo. Este frade, que polo momento non chegou a santo, caracterízase por levar barba, unha cunca de viño na man, a miúdo un cigarro e gafas, aínda que, segundo salientan desde a entidade que o promove, "a característica principal de Frei Canedo é o seu potente membro viril". Este patrón do Entroido conta cunha lenda que explica a súa orixe no mosteiro de Oseira e a aparición dos seus restos ao pé da ponte romana da Cidade das Burgas. Na actualidade é a figura principal das celebracións de Entroido do barrio da Ponte, onde protagoniza unha procesión, o luns de Entroido, que mesmo conta cun palio na que os cofrades van vestidos de frades, a incluír un papa, lexionarios e unha monxa. "Participan diferentes comparsas. Ese mesmo día anteriormente dase lectura do pregón, bendícense os novos cofrades e tamén o lugar co potafumeiro (un elemento semellante ao botafumeiro)".

Cando se celebra: Luns de Entroido
Onde: Barrio da Ponte (Ourense)

Cartel de Luís Davila para o San Canedo. Fonte: Facebook da Asociación Frei Canedo
Cartel de Luís Davila para o San Canedo. Fonte: Facebook da Asociación Frei Canedo


San Teleco
Entre as figuras do panteón da troula vencelladas á universidade, o máis coñecido é San Teleco, nado para que a facultade de Telecomunicacións da Universidade de Vigo contase cun patrón propio. Importada desde a facultade desta disciplina en Madrid a comezos dos anos 90, a festa dedicada a esta figura contou cun importante seguimento na Cidade Olívica, a se configurar como unha das principais do calendario universitario. Non faltaba nesta celebración a procesión cunha figura, que foi mudando ao longo dos anos, a representar o santo laico, un rally humorístico, unha gynkana e outros eventos que deviron tradicións da cidade. Como curiosidade, en 2006, e só por ese ano, a celebración pasou a ser San Mineco, da man do estudantado de enxeñaría de Minas, que apoiaron a organización orixinal ante as dificultades para manter a festa. Logo de varios anos de pausa, en 2022 recuperouse a celebración.

Cando se celebra: Setembro, con data variable
Onde: Vigo

San Teleco 2018, representado como unha máquina de creación de mestrados. Fonte: Facebook de San Teleco
San Teleco 2018, representado como unha máquina de creación de mestrados. Fonte: Facebook de San Teleco


Santa Katabirra e San Pepe
Nada en 1994 a imaxe de San Teleco, a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de pontevedra adaptou o nome a súa padroa oficial, Santa Catalina, e naceu Santa Katabirra, apocopado posteriormente como Santa Kata. Para alén de servir de escusa para a festa, en diferentes anos unha procesión fixo parte da celebración cunha imaxe que colleu a forma dunha unha boneca. En Ferrol, a adaptación foi a de San Xosé, patrón da Escola de Enxeñería Industrial, a San Pepe, sen que haxa constancia de imaxes ou cerimonias dedicadas a este santo que se celebra o 19 de marzo.

Cando se celebra: Abril, con data variable
Onde: Pontevedra

Interpretación de Santa Kata na cartelería de varios locais para a edición 2025
Interpretación de Santa Kata na cartelería de varios locais para a edición 2025


San Quevin. O santo virtual
Nado nas redes sociais da cabeza do desapareceido blogueiro Estaban Yáñez (Snob Megalove), este santo chegou á existencia en 2016, proposto como un suposto antecedente galego do Día de Acción de Grazas estadounidense (na teoría Thanksgiving derivaría do nome do santo). Segundo sinalaba no daquela Twitter, "San Quevin é patrón da fartura, da concordia, das tradicións inventadas, do arcón conxelador, das multimencións, do rebozado e do omeprazol", e represéntase na trindade do "aceite, pementón e sal". Como celebración "hónrase a San Quevin comendo a fartar en comunidade. En especial cousas super-de-aquí pero que viñeron de fóra: as patacas, millo, pementos…". As homenaxes desenvolvéronse en diferentes anos a través das redes coa publicación de contidos como imaxes das paparotas cun cancelo propio.

Cando se celebra: Día de acción de grazas
Onde: Toda Galicia

Debuxo de San Quevin por Esteban Yáñez. Fonte: Twitter de Esteban Yáñez
Debuxo de San Quevin por Esteban Yáñez. Fonte: Twitter de Esteban Yáñez


Jeremías. Unha procesión artística
A Romaría de Jeremías, pola súa banda, non naceu para xustificar unha festa, senón como unha performance artellada polo artista Sergio Marey durante unha das residencias Ao Caraño, de Pol (Lugo). O Jeremías, sen chegar a santo, é a figura dun burro coa que o artista chama a explorar "o concepto de burro como animal de carga, establecendo conexións coa contorna, o costumismo, e a súa propia experiencia pasada e presente no rural galego". O 29 de xuño de 2024 celebrouse unha procesión, na que a figura deste animal desfilou nun paso artellado con materiais de refugallo, e unha romaría. Aínda que a proposta conecta con outras iniciativas do panteón da troula nas súas formas, neste caso hai unha intención artística detrás que reivindica "unha dignificación da súa figura, en representación do concepto máis estrutural do labor rural" canda a conceptos como a sustentabilidade ou as virtudes do feísmo arquitectónico, que marca o percorrido da procesión. Deste xeito, segundo indica Marey na presentación do proxecto "a intención da romaría é procesionar por lugares vinculados ó Feísmo, espazos mundanos, funcionais, que relegan a estética primando a utilidade".

Cando se celebra: 29 de xuño
Onde: Pol

Imaxe da Romaría de Jeremías. Fonte: Web de Sergio Marey
Imaxe da Romaría de Jeremías. Fonte: Web de Sergio Marey

Ligazóns